A Consellaría rectifica e asume a maior parte das propostas da CIG-Ensino nos novos prazos das permutas provisionais

A modificación da orde de solicitude de intercambios provisionais publícase no DOG con cambios moi relevantes sobre a proposta que a Consellaría levou á Mesa Sectorial, incorporando a maior parte das propostas que a CIG-Ensino, en solitario, propuxo.

Ningún prazo rematará obrigatoriamente no mes de agosto. O profesorado que non ten obriga de participar na petición de destinos provisionais e que permutan entre si terá un prazo específico non vinculado co CADP e tamén haberá un prazo no mes de setembro para o corpo de mestres.

Estas foron precisamente as reclamacións que a CIG-Ensino presentou na Mesa Sectorial do pasado 6 de xuño e que nos levaron a pedir a retirada da modificación dos prazos que propoñía a nova orde, ao entender que non se debía estabelecer ningún prazo exclusivo que se abrise e pechase no mes de agosto, ao ser este o mes de vacacións do profesorado. 

Nesa demanda a CIG-Ensino quedou soa, mais á vista da publicación no día de hoxe no DOG, está claro que a Consellaría operou con racionalidade e aínda que o que se modifica non é ao cento por cento o que desde o sindicato propuxemos, é certo que a rectificación da Consellaría é clara e responde maioritariamente aos reparos que desde o sindicato indicamos. 

Os novos prazos para solicitar permutas provisionais. 
Profesorado obrigado a participar no CADP
Se a adxudicación definitiva do CADP é antes do 15/08 (corpo de mestres).
1º prazo: 10 días hábiles despois da publicación da resolución definitiva. A toma de posesión da permuta tería todos os efectos a 1 de setembro
2ª prazo: 4 días hábiles desde o 1 de setembro. Os efectos administrativos da data en que se dite e efectos económicos do día 1 de outubro. Isto implica a incorporación á praza permutada en canto se conceda, mais o cambio na nómina sería en outubro, para evitar os problemas no caso de profesorado que cambia de provincia e podería ter un descuberto na cotización á seguridade social. Neste segundo prazo só podería participar quen non participou no 1º prazo.
Se a adxudicación definitiva do CADP é posterior ao 15/08 (corpos de secundaria).
Único prazo: 4 días hábiles desde o día seguinte á publicación.
Profesorado non obrigado a participar no CADP
Único prazo: do 15 ao 31 de xullo. Este prazo é unicamente para permutas nas que as persoas que a solicitan non participan no CADP.  Se na permuta intervén unha persoa que está obrigada a pedir destino provisional os prazos para todas as persoas solicitantes son as do colectivo obrigado a participar no CADP.
Como solicitar permutas provisionais?

Sede electrónica da Xunta. Aquí non se produce ningún cambio. A única vía para solicitar permutas é na sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal. Se alguén a presenta por outra vía será requirido para facelo na sede electrónica, contando os prazos desde que o faga por esta vía.

Unha instancia por solicitante. Cada persoa que desexe permutar debe presentar unha solicitude na que deberán constar os datos da persoa coa que queira solicitar o intercambio de praza.

Quen pode solicitar permutas provisionais?

Poderán solicitar o intercambio provisional dúas ou máis persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que pertenzan ao mesmo corpo.

b) Que a praza corresponda á mesma especialidade (neste caso tamén se entende que deben ter o mesmo perfil lingüístico). Persoas con varias especialidades non poden permutar prazas que non están ocupando. Só se poden permutar as prazas das especialidades que realmente se están a desempeñar.

c) Que vaian desempeñar a súa función docente no centro educativo durante o curso

Non poderá concedérselle ao profesorado que desempeñe o seu posto de traballo en réxime de comisión de servizos. Por tanto, persoas con comisión de saúde ou concilia non poden permutar. Se alguén a quen lle conceden unha comisión entendese que vai ter mellor destino mediante unha permuta provisional debe renunciar á comisión no prazo de reclamacións e renuncias do CADP.

Resolución das concesións das permutas. 

A Consellaría, con carácter xeral, resolverá favorabelmente as solicitudes de intercambio provisional de postos de traballo que non excedan de tres anos, e non causen graves prexuízos a terceiras persoas interesadas, entre os colectivos que se citan:

a) Entre o persoal funcionario de carreira con destino definitivo.

b) Entre o persoal funcionario con destino provisional (inclúe, por tanto, o profesorado interino)

c) Entre o persoal funcionario de carreira con destino definitivo e o persoal funcionario con destino provisional.

As solicitudes de persoas que xa gozaron de tres anos de intercambio provisional das prazas de destino e aquelas que impliquen a máis de dúas persoas precisan ser informadas pola comisión de valoración, na que están presentes as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial.

Notificacións. Todas as notificacións e resolucións serán por vía electrónica (conta de correo e/ou móbil que consten na solicitude). Tamén serán notificados das permutas os centros educativos.

Publicación na web. A relación completa de intercambios de prazas publicarase no portal educativo da Consellaría de Educación.

 

Toda a información sobre as permutas definitivas e provisionais na sección de permutas da web da CIG-Ensino.

CIG Informa sobre os novos prazos de solicitude de permutas

Documento


Volver