A Consellaría modifica o cadro de persoal de Infantil e Primaria eliminando 54 unidades

O novo catálogo inclúe a creación de novas prazas de PT e AL compartidas, sen que se negociase previamente na Mesa Sectorial as condicións para regular as súas condicións

Un ano máis, a Consellaría de Educación, verdadeiro exemplo de falta de transparencia e ausencia de negociación executa unha modificación dos cadros de persoal do corpo de mestres sen previa negociación coas organizacións sindicais. A medida, que implica contar para o curso 2018/19 con 54 aulas menos das que existen neste final de curso, supón un novo recorte do persoal docente na dilatada política do PP de reducir o número de profesionais do ensino público.

A CIG-Ensino denuncia que de novo a Consellaría impón de novo estes recortes sen que exista un mínimo contraste nin negociacións no seo da Mesa Sectorial. Padecemos unha administración que vive instalada na soberbia e no desprezo ao profesorado e que impón unilateralmente cambios da relevancia como os cadros de persoal dos centros sen nin sequera ouvir previamente á representación do profesorado.

A supresión de unidades educativas afecta especialmente ás provincias da Coruña e Pontevedra, nas que se pechan tanto aulas creadas oficialmente e que, por tanto, figuraban nos catálogos a efectos da súa cobertura con docentes definitivos como aulas habilitadas (aquelas que se abriron nos últimos anos e que agora se pechan sen que nunca foran cubertas definitivamente).

O peche destas aulas leva consigo a perda de 58 postos de traballos, o que afecta especialmente a docentes das especialidades de Infantil e Primaria. A cifra de eliminación de postos docentes elévase a 85 se temos en conta as especialidades de EI, EP, Inglés, Francés , Música e Educación Física. Só a creación de novos postos en especialidades como PT, AL ou Orientación (27 en total) permite reducir a cifra final de recortes.

Creación de prazas de atención á diversidade a compartir entre varios centros

Unha das medidas máis salientábeis da modificación destes cadros de persoal do corpo de mestres é a creación de 135 prazas compartidas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Estas prazas responden á campaña emprendida pola CIG-Ensino no pasado concurso de traslados.

Naquela altura o sindicato presentara un informe contrastado con todos os centros do país que incluía un total de 256 prazas, das que 110 eran de Pedagoxía Terapéutica en centros de Infantil e de Primaria, 127 de Audición e Linguaxee 19 de Pedagoxía Terapéutica en IES. Todas esas prazas viñan sendo ocupadas provisionalmente desde había anos nos mesmos centros, o que implicaba que na realidade eran claramente necesarias para atender ao alumando con necesidades específicas de apoio educativo.

A medida agora implantada pola Consellaría supón un paso adiante na dirección que lle solicitaba a CIG-Ensino mais queda moi lonxe do obxectivo que lle marcaba o sindicato á administración educativa. En primeiro lugar polo número total de prazas que se crean, que se queda en pouco máis da metade das reclamadas pola CIG-Ensino mais especialmente polo feito de que a Consellarías as cre compartidas, cando no informe elaborado polo sindicato só se incluíran prazas que tiñan horario completo nun só centro. Por outro lado destacamos que a creación destas prazas non implica un incremento orzamentario nin do número total de profesorado, xa que o que se fai é converter postos provisionais en definitivos.

Por tanto, aínda que saudamos como un avance o feito de que se rompa unha tendencia e que a Consellaría, cumprindo parcialmente co acordo de cadros de persoal asinado no 2007 pola CIG-Ensino e as demais OO.SS., amplíe as prazas definitivas nos centros de Infantil e Primaria, cualificamos como incompleto ese avance e amosamos a nosa preocupación polo perfil desas prazas, xa que se tivesen que atender, como parece, a máis dun centro, non se estaría a cumprir co obxectivo de mellora a atención ao alumnado con NEAE.

Ligazón á modificación do catálogo.

Volver