A Consellaría desoe o clamor contra os recortes e consuma o peche e traslado de ensinanzas de varios centros docentes.

Publica o Decreto que impón o peche do CEIP Emilio Navasqüés e o traslado de ensinanzas de varios CPI sen atender as demandas de familias, profesorado e concellos.

O Decreto publicado hoxe martes 4 de xullo no DOG, implica o peche do CEIP Emilio Navasqüés de Cruceiro de Roo en Outes, obrigando ao alumnado deste centro a desprazarse ao outro colexio do concello de Outes. Supón tamén a desaparición do CPI Monte Caxado como tal, coa integración do alumnado da ESO no IES Moncho Valcarcel e do de infantil e primaria no CEIP A Magdalena. E finalmente leva a supresión da oferta educativa da ESO en dous centros, no CPI de Ribadavia e no CPI da Ribeira no Porriño.

A Consellaría de Educación tiña a decisión tomada desde o primeiro momento e o Decreto que impón o peche ou traslado de ensinanzas de varios centros leva data do 22 de xuño. A mesma data na que o goberno da Xunta comunicou os peches telefonicamente ou coa presenza a última hora de responsábeis da Xefaturas Territoriais. O carácter autoritario da Consellaría queda de novo en primeiro plano, cunha incapacidade para negociar e chegar a acordos.

A situación do profesorado afectado

 

No Decreto, a Consellaría non define en que situación vai quedar o profesorado afectado e limítase a unha referencia xeral ao Decreto 140/2006 polo que se regula a perda de destino do persoal docente, adiando a aplicación desta normativa a un desenvolvemento posterior do Decreto, que terá que pasar pola Mesa Sectorial. Segundo información da propia Consellaría, esa Mesa convocarase antes de finais de mes de xullo, nunhas datas que para a CIG-Ensino son totalmente inapropiadas. Ademais, situámonos nunha negociación que se vai limitar a aplicar os efectos dos recortes no profesorado, cando o lóxico e normal é que a Consellaría tivese negociado previamente coa representación do profesorado e do resto da comunidade educativa o futuro dos centros docentes que agora se ven empurrados a un peche ou traslado de ensinanzas impostos unilateralmente pola Consellaría.

 

En todo caso, desde a CIG-Ensino entendemos que nos atopamos cun novo exemplo de mala xestión e de desprezo cara o profesorado afectado, xa que este non sabe se vai ter que trasladarse aos centros que acollan o alumnado dos centros que pechan ou perden ensinanzas ou terá que pedir destino provisional para o curso que ven noutro centro docente. 

 

Porén, o máis relevante é a decisión da Consellaría de actuar de costas á comunidade educativa e de incidir nunha política de recortes de aulas e profesorado, envolvendo as súas actuacións en contra do ensino público en eufemismos como “reorganización de centros” ou “optimización de recursos” nas que xa ninguén cre.

 

Como CIG-Ensino alertamos novamente contra a política de redución de postos de traballo no ensino público que se evidencia coa publicación deste Decreto mais que tamén toma corpo novamente neste accidentado final de curso coas supresións e desprazamentos que a Inspección educativa está a comunicar desde finais de xuño. 


Volver