A Consellaría acaba de publicar unha nova adxudicación definitiva de varias especialidades de profesorado de conservatorios

Esta nova adxudicación afectará ás especialidades de Saxofón, Tuba, Trompa, Fundamentos de composición, Historia da música e Linguaxe musical

A CIG Ensino denuncia a continua improvisación coa que está a traballar a Consellaría de Educación neste comezo de curso e critica que se estea a xogar co profesorado. Os erros da Consellaría inclúe igualmente a non adxudicación de prazas resultas de docentes que acadaron un novo destino noutro corpo.

A Consellaría de Educación púxose onte en contacto con docentes afectados pola adxudicación de destinos das especialidades de Saxofón, Tuba, Trompa, Fundamentos de composición, Historia da música e Linguaxe musical para comunicarlles que erros graves na adxudicación publicada o pasado día 11 levaron a administración educativa a facer de novo unha adxudicación, que se publicará na mañá de hoxe, 14 de setembro.

Algunhas das persoas afectadas xa tomaran posesión do seu destino e mesmo renunciaran a postos de traballo na empresa privada. Para a CIG-Ensino este novo erro da Consellaría non pode prexudicar ninguén máis ala dun cambio de destino que xa é prexuízo bastante e esixe da administración galega a colocación do profesorado que se poida ver afectado por estes cambios noutros centros educativos. Animamos a todas aquelas persoas afectadas a que presenten reclamacións se a Consellaría non dá resposta satisfactoria logo deste cambio.

Desde a CIG-Ensino xa criticamos a finais de xullo a improvisación coa que xogou a Consellaría cos destinos provisionais de Secundaria, levando a que se tiveran que publicar dúas adxudicacións polos numerosos erros cometidos na primeira.

Outro dos erros que desde a CIG-Ensino denunciamos é a non adxudicación de diversas prazas que deixa vacantes o profesorado que accedeu, por promoción interna, a outro corpo e tiña destino definitivo no anterior. O feito de que as resultas que deixa este profesorado non se adxudicasen o día 11 implica que se estean a ofertar agora telefonicamente, impedindo que puidesen ser adxudicadas a profesorado en expectativa ou interino con mellor posición na lista.

Este feito, xunto co xa habitual goteo de interinidades que se van incorporando nos primeiros días provoca claros prexuízos e discriminacións ás persoas que obtiveron destino na adxudicación informática. A CIG-Ensino volve de novo esixir que rematen estas prácticas e erros e que se limiten a casos excepcionais e redobramos a nosa insistencia na transparencia e publicidade nos cadros de persoal e cupos dos centros de secundaria, FP e réxime especial.

Volver