A Consellaría de Educación non se toma en serio a formación en igualdade, convivencia e inclusión

Matricula obrigatoriamente o profesorado nun módulo de formación “autoxestionada”, e sen o seu coñecemento previo

Módulo, que consiste basicamente en respostar un cuestionario sobre lexislación e protocolos da propia administración

Para a Consellaría algo tan importante como a formación do profesorado nas áreas de igualdade, convivencia e inclusión non é máis que un mero trámite legal que intenta cubrir cun curso “autoxestionado”, no que inscribe, sen comunicarllo previamente, a todo o profesorado que está incluído nos Plans de Formación nos Centros Educativos. A súa intención é estender esta formación a todo o persoal docente nos vindeiros cursos.

Para o profesorado galego é necesaria, incluso indispensábel, unha boa formación nestes temas dada a súa relevancia social e a necesidade de afrontar a educación en valores na aula. Porén, esta formación non se pode converter nun mero trámite e limitarse a un curso online que consiste basicamente en contestar un cuestionario baseado na consulta de lexislación e de protocolos da administración relacionados con estas temáticas. Desde a CIG-Ensino consideramos que este módulo non pode substituír o que debería ser unha formación en profundidade en materia de igualdade, convivencia e inclusión e que lle permita ao profesorado contar con recursos educativos para afrontar a transmisión de valores na aula e mesmo a resolución dos conflitos que se poidan xerar en relación a estas cuestións.

Desde a central sindical esixímoslle á administración que se planifique unha oferta formativa “en condicións e para todo o profesorado” e que esta non se converta nunha nova carga burocrática, un exame que simplemente hai que pasar para que a Xunta poida alegar que se está cumprindo a legalidade.

 

CIG-Informa: A Consellaría de Educación non se toma en serio a formación do profesorado en igualdade, convivencia e inclusión

Documento


Volver