A Consellaría continúa coa externalización da certificación do coñecemento das linguas, desta vez tócalle ao francés

Anuncia dous exames de certificación B2 e C1 que levará a cabo a Alianza Francesa

Desde a CIG Ensino volvemos denunciar esta externalización e reclamamos que sexan as Escolas Oficiais de Idiomas as entidades que formen e certifiquen os coñecementos do profesorado galego en todas as linguas.

A Consellaría de Educación continúa, como xa denunciamos en numerosas ocasións, coa externalización da acreditación do coñecemento das linguas, o que supón un gasto que se retrae do orzamento do ensino público galego.

A administración anuncia que a Alianza Francesa levará a cabo a certificacións en B2 (DELF), e C1 (DALF), iso si, usando o persoal do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para a súa xestión.

A formación do profesorado non pode ser unha forma de financiar entes externos, máis aínda cando as EOIs teñen entre as súas funcións expresas levar a cabo esta formación, tal e como se pode ler no Decreto 189/2010, do 11 de novembro, polo que se establece o Regulamento Orgánico das Escolas Oficiais de Idiomas da Comunidade Autónoma de Galiza.

Desde a CIG Ensino volvemos denunciar esta externalizacióne reclamamos que sexan as EOIs as entidades que formen e certifiquen os coñecementos do profesorado galego en todas as linguas.

Volver