A CIG rexeita o recorte de dereitos que suporá o cambio do sistema de cotización do persoal funcionario anunciado por Zapatero

A Área Pública advirte das discriminación entre traballadores/as que se estabelecerán e lembra que estas cuestións deben ser abordadas nas Mesas de Negociación

A CIG área pública, ante as declaracións realizadas hoxe polo Presidente do Goberno do Estado español no Pleno do Congreso, a respecto do cambio do sistema de cotización que até o de agora rexía para a maioría dos/as funcionarios/as públicos/as (Muface, sistema de clases pasivas, etc.), manifesta:

1.- A CIG Área Pública critica que, unha vez máis, sexa a través dos medios de comunicación como as organizacións sindicais coñecen medidas que afectan aos traballadores e traballadoras da administración e que deben abordarse no ámbito das Mesas de Negociación, neste caso concreto no ámbito da Mesa de Representación de MUFACE e  na Mesa Xeral das Administracións Públicas do Estado, nas cales  a CIG está presente

2.- A Área Pública da CIG advirte que baixo ningún concepto vai permitir que dereitos adquiridos se anulen por decisións unilaterais da propia administración, sen que, ademais, existan razóns obxectivas para tales medidas. A central sindical opoñerase a calquera medida que supoña un empeoramento das condicións de acceso á xubilación dos docentes e do conxunto das/os empregadas/os da administración.

3.- O impacto que a medida poida ter para os funcionarios e funcionarias é imposíbel de valorar sen o coñecemento exacto do texto, sen saber a partir de que data se vai efectivizar nin como se quere aplicar esta decisión.

A CIG si ten claro que se vai producir  unha discriminación entre os traballadores/as xa en activo e aqueles/as aos que se lle vaia aplicar a nova medida. Tampouco se entenden estas declaracións, logo de terse anunciado, sen as oportunas negociacións, a conxelación da oferta de emprego público para o ano 2011.

Novamente, son as empregadas e os empregados públicos a moeda de cambio utilizada polos gobernos como culpábeis da crise económica e de todos os males dos que adoece este estado, sen que, polo momento, ningún dos recortes de dereitos decretados teñan amosado a suposta efectividade para saír da situación de crise económica, senón máis ben todo o contrario.

A CIG rexeita o novo paquete de medidas anunciadas por Zapatero que inciden nas políticas de recortes e privatizacións

Volver