A CIG non asinará acordos sobre condicións laborais do persoal público que non supoñan recuperar dereitos

O Goberno español adiou a Mesa de Negociación das Administracións Públicas até a próxima semana

A Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, convocada este xoves para aprobar as cuestións relativas a condicións laborais e salariais dos empregados/as públicos/as -para a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018-, quedou adiada para a semana que vén malia o Goberno do PP ter avanzados acordos con CCOO, UGT e CSIF á marxe do organismo. Dende a CIG xa adiantaron que non asinarán ningunha proposta que non contemple a recuperación dos dereitos que lle foron arrebatados ao funcionariado dende 2010.

Na Mesa, as organizacións sindicais recibiron como xustificación deste atraso que cunha semana máis se pode seguir mellorando o acordo. Ademais entregouse un novo documento e convidouse aos sindicatos con representación na mesma a estudalo e presentar propostas.

Con todo, a Área Pública da CIG xa manifestou a súa decisión de non apoiar ningún acordo que non contemple a derrogación dos Decretos-Lei impostos ao persoal das Administracións públicas desde o ano 2010, entre outros: RD-Lei 8/2010, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público; RD-Lei 20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria e tributaria para a corrección do déficit público; e RD-Lei 20/2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade.

Isto xunto con todos aqueles impostos polo Goberno español relativos a reformas laborais, reforma da negociación colectiva, modificacións das pensións e demais recortes das condicións laborais e salariais que afectan ao conxunto da clase traballadora.

A Área Pública da CIG exixe tamén a restitución de todos os dereitos laborais e salariais (horarios, pagas extras, salarios, 100% do salario en situación de IT, fondo social, etc) que lle foron arrebatados ao persoal empregado público desde o ano 2010.

Volver