A CIG-Ensino solicítalle á Consellaría de Educación aclaracións e flexibilidade para a matrícula nas oposicións

A aplicación de matrícula na rede non é suficientemente clara e ten diferenzas con respecto á orde de convocatoria

Desde a apertura do proceso de matrícula nas oposicións a CIG Ensino tense posto en contacto coa administración en sucesivas ocasións para aclarar disparidades entre a orde de convocatoria e a aplicación web, unha situación que fai dubidar o persoal aspirante sobre determinados aspectos do proceso de matriculación e os datos contidos nela. Desde o sindicato lembramos que o prazo de inscrición remata o vindeiro 13 de abril e que é preciso rematar todo o proceso coa presentación da instancia na sede electrónica da Xunta de Galiza.

Unha das cuestións que máis dúbidas está formulando é a diferenza entre o Anexo informativo que aparece na orde publicada no DOG e os apartados correspondentes que figuran na aplicación, especialmente no que ten a ver coa achega e a autorización de consulta do expediente e outra documentación presentada. A diferenza entre o modelo e o impreso que se obtén unha vez formalizada a matrícula co proceso informático (marcas que non aparecen  impresas, dúbidas sobre a necesidade ou non de marcar como presentada a documentación nos casos nos que se está exento de facelo) levan a que moitas persoas aspirantes teñan dúbidas sobre o correcto cumprimento da instancia.   

Outra incongruencia entre a orde e o aplicativo atopámola nos  casos en que unha persoa aspirante precise modificar a instancia presentada e sobre a obriga ou non de efectuar un segundo pagamento. A Consellaría vén de confirmarlle á CIG-Ensino que non é preciso formalizar un segundo pagamento, mais o problema estriba en que a aplicación indica que esta segunda instancia está pendente de pago, o que levou xa a varias persoas a pagar por segunda vez a matrícula. A Consellaría informou á CIG-Ensino de que, previa petición das persoas interesadas, procederán á devolución dese segundo pagamento, malia que non aparezan como excluídas no proceso. Desde o sindicato entendemos que non se debería provocar unha situación como esta, habilitando unha información clara ao respecto da rectificación e da presentación de novas instancias sen novo pagamento.

En canto ao propio sistema de pagamento, tamén recibimos queixas de opositores e opositoras que, non tendo ou non desexando pagar con tarxeta, vense obrigadas a ir a unha oficina bancaria a facer o pago presencial para rematar despois o proceso no aplicativo web, sen que se habilitara por parte da Consellaría ou da Axencia Tributaria Galega a posibilidade da transferencia bancaria ou a autorización do cargo en conta.

No sindicato tamén detectamos que nalgúns casos se daba por finalizado o procedemento de matrícula co pagamento, sen presentar a instancia na sede electrónica da Xunta de Galiza. Neste sentido, solicítamoslle á Consellaría que teña en conta que este pode ser un erro común e instamos a todos os inscritos e inscritas a que revisen ben se realizaron este último paso.

Desde a CIG Ensino solicitámoslle á administración que, ao igual que fai coa aplicación web do Concurso Xeral de Traslados (CXT), publique un manual ou unha lista de preguntas e respostas (FAQ), ou mellore considerablemente a información contida nas axudas e nas alertas presentes nos diferentes pasos do proceso de inscrición. Non podemos esquecer que presentarse ás oposicións é un requisito para seguir desempeñando o posto de persoal funcionario interino e un trámite moi importante para calquera persoa que se presenta ao proceso selectivo, especialmente se o fai por primeira vez.

Volver