A CIG-Ensino solicita na mesa sectorial de educación do estado que o novo sistema de oposicións sexa negociado en setembro

Desgraciadamente o Ministerio de Educación rexeitou a nosa proposta e manifestou a súa intención de pechar a negociación na Mesa a vindeira semana

O pasado mércores e onte xoves celebrouse en Madrid reunión da Mesa Sectorial de Educación do Estado co obxecto de debatir a proposta de novo sistema de oposicións para o ensino realizada polo Ministerio de Educación. Neste reunión a CIG-Ensino reiterou a súa solicitude de paralización da negociación ao considerar que unha cuestión tan importante para o futuro do sistema educativo e que afecta a milleiros de futuros opositores debe ser negociada con tempo suficiente si de verdade o que se busca é acadar un acordo que permita mellorar o sistema de acceso á función pública docente.

Expuxemos tamén as nosas dúbidas de que o actual sexa o momento político máis axeitado para acometer a modificación dunha norma de tal importancia.

Na reunión manifestámoslle ao Ministerio, tal e como nos trasladaron os opositores e os interinos nas asembleas que celebramos en Galiza, que non ten lóxica en pleno mes de xullo e con esta premura acometer unha negociación cando as persoas que van ser afectadas polo novo sistema están inmersas na actual convocatoria de oposicións. Ademais da petición de adiamento da negociación ao mes de setembro solicitamos que se prorrogue un ano máis o sistema de acceso transitorio de xeito que se poida negociar sen presas un novo sistema de oposicións e para que ao tempo os futuros opositores poidan estar tranquilos sabendo que a nova proposta sería para aplicar en 2013.

Desgraciadamente as propostas da CIG-Ensino foron rexeitadas polo Ministerio, que deixou clara a súa decisión de non adiar até setembro a negociación do documento, e en canto ás organizacións sindicais presentes na Mesa a nosa postura só foi compartida por outra organización que fixo unha semellante, desgraciadamente o resto de organizacións sindicais limitáronse nas reunións a dar as súas opinións sobre o contido do borrador.

Diante desta situación a CIG-Ensino considera que a actitude do Ministerio está primando os cálculos electoriais do partido que o sustenta fronte á necesaria mellora do sistema de oposicións.

O vindeiros martes e mércores voltará reunirse a Mesa Sectorial do Estado para seguir tratando este borrador, reunións das que informaremos puntualmente.

Volver