A CIG-Ensino responsabiliza directamente do recurso da sentenza por enchufismo á propia conselleira

O sindicato critica duramente á administración por non acatar unha sentenza “demoledora” e por intentar gañar tempo para anular inmediatamente o destino adxudicado ilegalmente.

Así mesmo, a central amósase escandalizada coas explicacións dadas onte pola conselleira no Parlamento atacando á CIG-Ensino que cumpre a súa función de defender o profesorado, sexa interino ou funcionario de carreira, non como a Consellaría que co enchufe e o recurso da sentenza está rachando a xa escasa confianza que existía entre o persoal docente sobre o cumprimento estrito da legalidade vixente para optar a un destino definitivo por parte da Administración.

A CIG-Ensino amósase decepcionada coa decisión da conselleira, tomada persoal e conscientemente, de recorrer con fondos públicos a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de anular a creación e a adxudicación dunha praza para a cuñada da actual secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galiza no Concurso Xeral de Traslados do ano 2016 na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. No auto fálase de “torcida actuación, desviación de poder, ocultismo e evidente mostra de nepotismo”, máis estas consideracións non deben ser suficientes para que o departamento de Carmen Romar acate a sentenza, optando por gañar tempo para non executar a sentenza, evitando deste xeito poñer fin a un escandaloso caso de nepotismo.

Así mesmo, as explicacións achegadas pola nova conselleira non deixan de ser cando menos sorprendentes. Literalmente, segundo a nota que publicou na web da Consellaría, ataca a CIG-Ensino por buscar “a preservación de prazas ocupadas por persoal interino ou non especialista fronte a unha docente funcionaria de carreira”.

Mentres que no sindicato velamos pola defensa dos traballadores e pola transparencia dos procesos de adxudicación de destino, tanto provisionais como definitivos, en concordancia co que nos fixo chegar a dirección e o claustro dese centro, a Consellaría non respecta a lei nin as sentenzas xudiciais. É máis, coa decisión de recorrer, con cargo ao erario público, o que demostra é que está a romper as regras de xogo sobre a oferta de vacantes definitivas e, deste xeito, a xa escasa confianza que ten o profesorado galego sobre a transparencia no Concurso Xeral de Traslados.

Por outra banda, na CIG-Ensino tamén amosamos a nosa sorpresa porque a noticia da sentenza apenas tivera repercusión nos medios tradicionais, mentres que a do anuncio do recurso contou con máis presenza mediática, o que deixa entrever cales son as complicidades das empresas xornalísticas do noso país.

CIG Informa sobre o recurso anunciado pola conselleira á sentenza que acusa a Educación de enchufismo

Documento


Volver