A CIG-Ensino reclamará a paralización do apercibimento á docente que se negou participar nunha actividade de carácter confesional

A CIG-Ensino considera que estamos ante un caso de persecución ideolóxica e de impedimento da liberdade de cátedra

A CIG-Ensino vai reclamar a paralización do apercibimento a unha docente por negarse a participar nunha actividade de carácter confesional. O Xefe Territorial de Pontevedra, César Pérez Ares, ex-concelleiro e ex-presidente do PP de Tomiño, manifestou ao ser interpelado pola CIG, que esta profesora recibiu un apercibimento, porque segundo Educación a profesora está obrigada a participar nunha actividade de carácter confesional por ter sido esta incluída no Proxecto Xeral Anual do centro.

O Xefe Territorial engade que ademais seguirá realizando este apercibimento nos anos vindeiros se a profesora continúa negándose a participar na actividade, o que a CIG-Ensino recibe como unha ameaza que ten por obxecto impedir a libre decisión do profesorado nestas situacións.

A CIG-Ensino defende un ensino laico e que a relixión non forme parte do currículo escolar. Por este motivo a CIG-Ensino defende o dereito do profesorado a se negar a participar naquelas actividades que poidan ser consideradas como confesionais.

Á CIG-Ensino valora como moi grave que Educación estea a facer esta interpretación e aplicación do Réxime disciplinario. Tamén que o Xefe Territorial anuncie esta medida ante a Permanente da Xunta de Persoal cando está sen finalizar o trámite de audiencia á interesada que non recibiu aínda a resposta ás alegacións presentadas en tempo e forma..

A CIG-Ensino considera de extrema gravidade que a esta situación se pretenda darlle a categoría de falta leve e que para iso o Xefe Territorial esqueza intencionadamente que a docente advertiu en reunión de claustro celebrada no mes de outubro que non participaría no acto por ter carácter confesional e que estivo na súa aula, por tanto no seu posto de traballo, durante toda a xornada.

A CIG-Ensino xa presentou unha proposta de resolución na Xunta de Persoal Docente de Pontevedra que foi aprobada por unanimidade. Nesta proposta de resolución reclamaba “Que se anule o expediente aberto a aquel profesorado que sen faltar ás súas obrigas laborais, se negase a participar en actividades de marcado carácter confesional pois estariamos ante un caso de represión por motivos relixiosos e que se comunique aos centros que a participación nese tipo de actos terá sempre o carácter de voluntaria, tanto  para o profesorado como para o alumnado.” Unha vez elevada a resolución ao Xefe Territorial este negouse a recoller a proposta aprobada.

A CIG-Ensino considera que estamos ante un caso de persecución ideolóxica e de impedimento da liberdade de cátedra, pois se pretende obrigar o profesorado a participar en actividades que poden ter a consideración de confesionais. Chama a atención esta situación e este procedemento da Xefatura, cando noutras actividades o profesorado decide se participa ou non, aínda que a actividade estea tamén incluída no Proxecto Xeral Anual.

A CIG-Ensino seguirá esixindo que se retire este apercibimento á profesora e reclamando que se informe a todo o profesorado que a participación en actividades de carácter confesional é total e absolutamente voluntaria.

Volver