A CIG-Ensino reclama que todas as xubilacións sexan cubertas na oferta de emprego e a consellaría anuncia que así o vai facer coas xubilacións LOE

A Oferta de Emprego Público

Desde que a Xunta de Galicia presentara os orzamentos, a CIG-Ensino viña reclamando que a taxa de reposición do 10%, segundo a cal de cada 100 xubilacións producidas, soamente se cubrirían 10, non se aplicase en Educación.

Durante a Mesa Sectorial do 10 de novembro, a CIG-Ensino volveu esixir novamente que esta medida non se aplique en Educación, pois, para alén da redución drástica de postos que suporía na oferta de emprego público, podería ter consecuencias nos propios cadros de persoal dos centros e na contratación do profesorado interino e substituto, ao non repoñerse o profesorado que se xubile este ano.

Á nosa demanda a Consellaría respondeu que no proxecto de orzamentos de Galiza vaise recoller un apartado en que se especifique que si se poderá realizar a reposición de todas xubilacións LOE, é dicir, de todas as xubilacións anticipadas. No ano 2011 cerca de 3000 profesoras e profesores cumpren os requisitos para poderse xubilar, dos cales cerca de 2000 teñen máis de 30 anos de servizos. A CIG-Ensino agarda que, efectivamente, esta medida se leve a cabo, pois do contrario tería unha incidencia moi negativa no Ensino.

Equipos de Orientación Específicos.

A Mesa Sectorial estaba convocada para tratar a orde de concurso de méritos para os Equipos de Orientación Específicos. A CIG-Ensino fixo un chamamento á necesidade de comarcalizar estas equipas. Hoxe en día teñen ámbito provincial, co cal a dimensión do traballo destes equipos é claramente diferente entre Lugo e Ourense e A Coruña e Pontevedra, por ese motivo insistimos na necesidade de que teñan carácter comarcalizado, aínda máis, que cada Equipo de Orientación Específico teña asignados 20000 alumnos e alumnas e se creen tantos Equipos como sexa necesario.

Comezo de Curso.

Mais o apartado máis extenso foi o de Rogos e Preguntas por mor de que a Consellaría non convocou este curso ningunha mesa para avaliar o inicio de curso, especialmente conflitivo este ano, nomeadamente pola elevada redución do profesorado imposta pola Consellaría en contra das demandas de necesidades dos centros. A CIG-Ensino deixou constancia do rexeitamento á redución do profesorado que a Consellaría vén aplicando. Ademais esiximos que se atendan as peticións dos centros

Substitucións.

Esiximos, tamén, maior celeridade na cobertura das baixas, e que se cubran todas as que se produzan.

Xa denunciamos que a Consellaría chegou tardar unha semana en cubrir as baixas e logo cando faltaba outra semana algunhas desaparecían da web (temos casos constatados).

Comedores Escolares.

Denunciamos a restrición no uso do comedor escolar e reclamamos a retirada desa instrución 3/2010 por ilegal. Denunciamos o desmantelamento do servizo e a súa privatización.

Abalar.

Denunciamos o abuso da propaganda do proxecto abalar, utilizado para desviar fondos á privada, sen que se coñezan os criterios de adxudicación, pois non hai convocatoria pública e cunha absoluta falta de planificación, pois a día de hoxe está se realizarse a formación do profesorado participante, cando tiña que ter sido realizada a finais do curso pasado. En relación coa posta en marcha deste proxecto, para o que xa se perdeu este curso escolar pola deficiente planificación da Consellaría, reclamamos que non se pretenda recuperar o tempo perdido a custe do profesorado, impoñendo xornadas abusivas na formación, pola que debería recibir unha compensación en horario lectivo. Ademais reclamamos que se atendan todas as dúbidas que lle presenta este proxecto aos centros, o que non se está facendo. Por outro lado denunciamos que a forma en que se está levando a cabo o proxecto pode desembocar en conflitividade cos pais, cando comproben que todo o que se lles vendeu é fume, e non ten nada que ver coa realidade (non teñen ordenadores en todas as aulas, os alumnos que saen por desdobres non teñen ordenadores…)

Unitarias.

Denunciamos que o profesorado das Unitarias, e tamén nalgún outro centro pequeno, ten horarios superiores aos establecidos para todo o profesorado. Esiximos que se adopten medidas para solucionar esta situación.

Datos Lingüísticos Alumnado de tres anos.

Solicitamos os datos dos usos lingüísticos en tres anos. Reclamamos que a Consellaría entregue os resultados da consulta ás familias e cal é a lingua vehicular nas aulas de infantil para avaliar, con datos oficiais, o impacto do Decreto 79, que como denunciara a CIG no seu día, é especialmente lesivo en Infantil, onde o alumnado pode non ter ningún contacto co noso idioma.

Mesa Sectorial e Escritos.

Por outro lado a CIG-Ensino esixiu que a Consellaría responda aos temas presentados tanto nas Mesas Sectoriais, como por escrito ante diferentes departamentos da Consellaría e reclamou un calendario de temas a negociar que recolla, entre outro, os seguintes temas: redución horaria para maiores de 55 anos, xubilación anticipada, retribucións, dotación de administrativos nos centros.

Volver