A CIG-Ensino reclama a dimisión do Conselleiro de Educación

En setembro, senón recitifican, manifestación en Santiago o día 9 ; paro de brazos caídos de media hora, de 10:00 a 10:30 o día 20 de e folga en todo o ensino público non universitario os días 21 e 27

Louzao dirixiuse ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo e ao conselleiro de Educación, asegurando que “teñen que saber que o profesorado non vai estar disposto a dar un paso atrás até conseguir a retirada da orde”. Tamén podes ler nesta nova o manifesto conxunto lido pola mestra xubilada e escritora Marica Campo así como unha galería de fotos da manifestación.

A CIG-Ensino valora a manifestación desta mañá como “moi positiva, xa que estamos diante dunha das manifestacións máis multitudinarias do profesorado galego”. O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, considerou que “é a demostración máis evidente do rexeitamento ás medidas unilaterais que pretende impor o conselleiro de Educación” e concluíu que “polo tanto, só queda a retirada da orde que estabelece o incremento do horario lectivo do profesorado e da custodia do alumnado que utiliza o transporte”.

 

Louzao asegura que estamos ante un ataque “sen precedentes” tanto ao profesorado como ao ensino público galego. A consellaría pretende, con esta medidas, destruír emprego,  máis de 1.000 postos de traballo en Primaria e Infantil, e que podería chegar até un 10% dos cadros de persoal de Secundaria.

 

O secretario nacional de CIG-Ensino, explicou que onte o conselleiro remitiu unha carta a todos os docentes, que valorou como “unha aldraxe ao conxunto do profesorado, xa que se reafirma en levar a cabo as propostas de maneira unilateral rexeitadas pola totalidade do profesorado”.

 

A isto engadiu que “mente tamén cando se atreve a afirmar que estas medidas son para reforzar o ensino público, cando todos sabemos que as funcións, traballos e cometidos que o profesorado facía nas catro horas que agora se pretenden ampliar de horario lectivo van quedar sen realizar”. Como exemplo sinalou as distintas dinamizacións, a atención á diversidade, o reforzo educativo e a atención ao alumnado con diferentes necesidades educativas.

 

“Estamos ante un conselleiro que á cruzada en contra do galego agora hai que lle engadir a cruzada en contra do ensino público e do seu profesorado”, afirmou. “Ante esta situación o único servizo que realmente o conselleiro lle pode facer á educación en Galiza é a súa dimisión”, sostivo.

 

Louzao tamén se dirixiu ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo e ao conselleiro de Educación, asegurando que “teñen que saber que o profesorado non vai estar disposto a dar un paso atrás até conseguir a retirada da orde”.

 

Nese sentido salientou o novo calendario de mobilizacións que se veñen de anunciar para o vindeiro curso que entre outras concrétanse en: manifestación en Santiago o día 9 de setembro; paro de brazos caídos de media hora, de 10:00 a 10:30 o día 20 de setembro e folga en todo o ensino público non universitario os días 21 e 27 de setembro.

 

Galería de fotos da manifestación.

Volver