• 1430056 copia.jpeg
  • 1430069.jpeg
  • 1430135 copia.jpeg
  • _1430058 copia.jpeg
  • _1430062 copia.jpeg
  • _1430070 copia.jpeg
  • _1430166 copia.jpeg
  • _1430174 copia.jpeg

A CIG-Ensino presentou XE como o xornal da rebeldía

Nun acto celebrado na Libraría Couceiro en Compostela con presenza de docentes de distintas etapas educativas presentouse o número 1 da primeira publicación periódica que edita o sindicato.

O Xornal do Ensino, XE, presentouse onte en Santiago nun acto que serviu para analizar os principais retos desde o punto de vista sindical e laboral do profesorado do ensino público galego. Contou coa participación activa de varios docentes de distintas etapas educativas: Marta Dacosta, profesora de Lingua de secundaria, Carlos R. Calvente, orientador e mestre de primaria, César Manuel Vila, profesor de formación profesional e da USC, Montse Pena, profesora de Formación do Profesorado da USC e Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino.

Segundo apuntou este último, “estamos ante un momento de sobrecarga de traballo e de inxente burocracia na nosa profesión coa que a administración pretende que esquezamos os recortes e a perda de dereitos dos últimos anos, polo que este xornal nace para poñer sobre o papel de forma sosegada toda a información que é de interese para o profesorado e que no día a día apenas dá tempo a asimilar”. “Como non podía ser doutro xeito partindo da CIG-Ensino XE nace como un sinal de rebeldía fronte á fugacidade informativa, á instantaneidade, e para darlle cabida a distintos artigos e reflexións nos que se poña sobre a mesa toda esa carreira de recortes á que nos vimos sometidos: horarios, ratios, salario, pagas extras, pagamento do verán a persoal substituto, eliminación da xubilación anticipada para quen aprobou a partir de 2011”, sinalou.

No debate que se xerou a partir do contido da revista tamén se puxo de manifesto a situación de “emerxencia lingüística na que nos atopamos cunha perda abafante de falantes e cun ataque normativo sen precedentes no ensino por parte do goberno do PP que levou a que o galego estea proscrito das materias científicas e dalgunhas etapas educativas como infantil ou FP”. Así mesmo tamén se afondou nas consecuencias desgaleguizadoras desta política lingüicida, que é que non só se fale menos galego senón que se fala peor. 

Tamén se abordou a necesidade de traballar de forma coordinada e continua a atención á diversidade desde infantil até o ensino post-obligatorio e se amosou que é neste eido onde se ve máis claramente a necesidade de incrementar os recursos para mellorar a atención que se dá ás distintas problemáticas existentes nas aulas. Nas diferentes intervencións das docentes participantes púxose o acento en que a falta de recursos da administración vai da man dunha campaña de desprestixio do traballo docente e do profesorado, e a nivel xeral dos servizos públicos, co ánimo de caldear a opinión pública a favor da súa privatización. Neste sentido fixouse como exemplo todo o que está a pasar coa FP Dual, pactada polo Estado español a cambio do rescate bancario, e que está deixando nas mans das empresas a selección e a formación do alumnado desta etapa formativa coa ameaza da perda de moitos postos de traballo docentes a curto e medio prazo. Así mesmo, tamén se abordaron outras temáticas como as propostas de reforma de acceso á formación docente, a través do mal chamado MIR educativo, e a situación actual da formación do futuro profesorado que se imparte nas universidades galegas.

Un novo formato para chegar ao profesorado

O XE, o Xornal do Ensino Público Galego nace con vocación de permanencia e para, alén de destacar a información sindical máis salientábel, servir de soporte para o intercambio de experiencias educativas innovadoras, de recomendacións de bibliografía, material audiovisual ou recursos para traballar nas aulas temas transversais e prioritarios para a CIG-Ensino como a coeducación, a educación para a paz, o respecto polo medio ambiente, de elemento de análise e debate nos centros de ensino…

Volver

Novas relacionadas