A CIG-Ensino non asinou o acordo de revisión salarial no ensino concertado

A suba, cifrada nun raquítico 1,625%, non garante a recuperación do poder adquisitivo cifrado polo de agora nun 5,3% desde o último convenio

Así mesmo, desde a central criticamos que este acordo supoña unha limitación no incremento do salario base do persoal docente de pago delegado por enriba do recollido nos Orzamentos Xerais do Estado.

A CIG-ENSINO, presente nas negociacións de actualización das táboas salariais de ensino concertado para 2018, non asinou a revisión salarial COA RAQUÍTICA SUBA DO 1,625%, ao igual que non o fixera nas anteriores táboas de 2016 e 2017, por dous motivos que se recollen na acta do 27/07/2018 na que se acadou o acordo:

1.- Pola consolidación da perda de poder adquisitivo que supón para todo o persoal afectado por este convenio: perda do 4,6% de 2011 a 2015, +0,6% do 2016, +0,1% do 2017 = 5,3% de perda, que aumentará este ano posto que non se recolleu cláusula de revisión salarial para 2018, e se prevé que o IPC neste ano quede entre o 2-3%, co que, como mínimo, estariamos a consolidar sobre un 1% máis de perda de poder adquisitivo, a sumar ao 5,3% acumulado.

2.- Porque para o persoal docente de pago delegado, e debido á pretendida homoxeneización en todo o Estado, suporá, ademais, unha limitación ao incremento no seu salario base por enriba do recollido nos Orzamentos Xerais do Estado, en vez de favorecer a súa mellora por medio de negociacións nas distintas Comunidades Autónomas. Por agora, en Galiza séguese a aplicar a suba en todos os conceptos retributivos, sen aplicar o que di o convenio.

O acordo foi asinado por todas as asociacións empresariais (EyG, CECE, FED-ACES e APSEC)  e as organizacións sindicais FSIE - USO e UGT (asinantes do VI convenio dos “recortes”, atados polo mesmo e compracentes coa patronal) ao que este ano se suma CCOO (as anteriores non as asinara pois a suba só dos PXE era insuficiente, pois non se recuperaba a perda de poder adquisitivo e ademais os traballadores/as sen pago delegado e PAS tiñan salarios máis baixos e precarios e tiñan que incrementarse máis), quedando a CIG-ENSINO como non asinante, mantendo a mesma coherencia que nos levou a non asinar no seu día o VI convenio, así como as táboas salariais posteriores (2014, 2015, 2016 e 2017). É unha vergoña que as OO.SS asinantes non forzasen unha “negociación real” na mesa, amosándose totalmente servís á patronal (mirar acta no BOE, que esta vez se lles colou…), e fosen polos centros vendendo unha falsa reivindicación dos dereitos perdidos e a recuperación do IPC perdido. Nin sequera forzaron a mesma suba, que as mesmas OO.SS asinaron para os funcionarios/as, do 1,75%, que lle asinaron a Montoro e que xa desde a CIG-Ensino cualificamos de pobre e venta de dereitos salariais, por non recuperar RECORTES e PERDA DE PODER ADQUISITIVO, pois este aumentará.

PROPOSTAS DA CIG-ENSINO

CIG
PARA O PERSOAL DOCENTE NON CONCERTADO E PAS
A CIG-ENSINO PROPUXO: Suba salarial do 3% sobre táboas de 2017 para salarios superiores ao salario medio galego (18.000€), e para os que estean por debaixo suba lineal de 540 euros en 14 pagas (reducir brecha salarial entre altos/baixos). Deste xeito tamén avanzaremos na recuperación de parte da perda de poder adquisitivo, que se eleva a un 5,3%, dende a entrada en vigor do convenio.

QUE ASINARON?:  Suba do 1,625%  (cando o IPC previsto para este ano é entre o 2% e o 3%). Este colectivo leva conxelado do 2011 a 2015, o 2016 e 2017 suba do 1%, é dicir, perda do 5,3% de IPC real. 

CIG
PARA O PERSOAL DOCENTE EN PAGO DELEGADO

A CIG-ENSINO PROPUXO: Trasladar a negociación ás CC.AA. ante a diversidade de situacións existentes nas mesmas. En tanto isto non é posible, fixar unhas táboas salariais conforme aos módulos de concertos recollidos nos Orzamentos Xerais do Estado (pois temos o límite do recollido no convenio polos que venderon os vosos dereitos) e a partir de aí negociar nas distintas CC.AA. melloras salariais en salario base. Nese ámbito reivindicaremos tamén o 3% (sen a limitación do convenio estatal) coa finalidade da recuperación paulatina do 5,3% de IPC perdido e os recortes sufridos nos últimos anos. O que si non iamos asinar era unha porcentaxe á baixa sen cláusula de revisión salarial, e máis cando os funcionarios/as van ter un incremento do 1,75%, asinado tamén polas mesmas OO.SS que asinaron este por menos (a CIG-Ensino non asinou o dos funcionarios/as por non garantir a recuperación de poder adquisitivo perdido e os recortes padecidos).

QUE ASINARON?: Unhas táboas salariais, co incremento do 1,625% sobre as de 2017, de validez só para Andalucía, Extremadura, Navarra, Illas Baleares, La Rioja, Ceuta e Melilla (ao ser estas as únicas que abonan os salarios tal cal os módulos que aboa o Estado). Para o resto do Estado, estas táboas serán a referencia para adecuarse a elas até o fin de 2018, feito até agora imposible.

Para as CC.AA. que apliquen salarios superiores ao fixado nestas táboas, propoñen que traspasen os futuros incrementos a outros conceptos (ex. Complemento autonómico) pero non a salario base, ao cal tamén nos opomos rotundamente dende a CIG-ENSINO. A CC.AA galega non aplica estes criterios de suba, facendo caso omiso ao acordo estatal.

A insistencia no mantemento dun convenio de ámbito estatal cae polo seu propio peso. É absurdo seguir pola vía da homoxeneización de salarios en todo o Estado, e “atalo” todo a un convenio que despois non se aplica, en táboas salariais, PEA,... É necesario trasladar o ámbito de negociación alí onde se dan as condicións para chegar a acordos que sexan realistas e poidan aplicarse, é dicir, ás CC.AA., e que participen nelas as tres partes implicadas: patronais, organizacións sindicais e, polo menos, mentres sigan sendo financiados con fondos públicos, as administracións educativas correspondentes. Xa vén sendo hora de adaptarse á realidade e de respectar a pluralidade do Estado.

Volver