A CIG-Ensino lamenta a cerrazón da consellaría a aceptar propostas sobre a distribución horaria das materias da ESO

Mesa Sectorial

O luns 5 de marzo, tivo lugar unha reunión da Mesa Sectorial de ensino non universitario na que se tratou o Decreto polo que se regulan as ensinanzas da Educación Secundaria Obrigatoria. A CIG-Ensino denunciou que non se estea fomentando a participación do profesorado na elaboración dos currículos que entrarán en vigor o vindeiro curso. Para a CIG estes currículos estanse a tramitar cunha premura excesiva, sen ter en conta a opinión do profesorado, que non coñecerá os currículos até o final de curso, tendo que aplicalos no vindeiro curso escolar.

A CIG-ensino lamenta a cerrazón da consellaría a aceptar

propostas sobre a distribución horaria das materias da eso

Primeira información sobre o debate do Decreto que regula as ensinanzas da ESO

Hoxe, luns 5 de marzo, tivo lugar unha reunión da Mesa Sectorial de ensino non universitario na que se tratou o Decreto polo que se regulan as ensinanzas da Educación Secundaria Obrigatoria.

A CIG-Ensino denunciou que non se estea fomentando a participación do profesorado na elaboración dos currículos que entrarán en vigor o vindeiro curso. Para a CIG estes currículos estanse a tramitar cunha premura excesiva, sen ter en conta a opinión do profesorado, que non coñecerá os currículos até o final de curso, tendo que aplicalos no vindeiro curso escolar.

A fixación dun Decreto marco a nivel estatal, impídenos realizar unha ordenación das cargas lectivas segundo o que resultase máis acaído á nosa realidade. Neste contexto vémonos limitados á hora de realizar propostas, tendo que axustarnos a un conxunto de materias que veñen delimitadas, tamén no relativo a cargas horarias, polo marco estatal.

A Consellaría presentou unha proposta que introduce a redución da carga lectiva das materias de Tecnoloxía, Plástica e Música. Fronte a este documento a CIG fixo unha proposta de incremento destas materias, que pretende manter a carga horaria que teñen na actualidade, baseándose, fundamentalmente, na redución da carga horaria de relixión, educación para a cidadanía e proxecto interdisciplianar. A CIG foi a única organización sindical que defendeu a redución nunha hora da materia de relixión, aínda que como organización defensora do ensino laico volvemos reiterar a nosa posición de que esta materia non debe ser avaliábel, nin formar parte do currículo, en todo caso que se concrete na carga horaria mínima posíbel. Tamén reclamamos que se reducise ao mínimo Educación para a cidadanía e a desaparición do Proxecto interdisiciplinar. Ademais a CIG manifestou que non considera axeitado un incremento de 6 horas nun segundo idioma obrigatorio, cando hai materias ás que se lle reduce máis do 40% do seu horario, por iso propuxemos para a segunda lingua estranxeira catro horas no lugar de seis, coa intención de compatibilizar o mantemento dos horarios das materias que xa forman parte do currículo como obrigatorias, e as que se engaden a partir deste Decreto.

Deste xeito pode realizarse a proposta horaria que se recolle no seguinte cadro (refírese a horario de impartición obrigatoria), comparándoa coa actual e coa que propuxo a Consellaría:

Horario actual

Borrador da Consellaría

Proposta da CIG

Tecnoloxía

7

4

6

Plástica

5

3

5

Música

5

3

4

Por outro lado, ante a pregunta da CIG a Consellaría respostou que o profesorado do corpo de mestres que imparte en primeiro ciclo da ESO ten preferencia na impartición de Ciencias da Natureza neste ciclo, e que despois deles poderán impartir indistantemente profesorado do corpo de secundaria de Bioloxía e Xeoloxía ou de Física e Química.

A CIG defendeu que no anexo IV en que se recollen as titulacións requeridas para impartir determinadas materias, no caso de informática tivese preferencia o profesorado de Tecnoloxía (esta materia aparece como desdobre da Tecnoloxía) e que tamén a poida impartir o profesorado especialista de informática. A Consellaría aceptou a nosa proposta. Tamén demandamos que se oferten como optativas obrigatorias Ciencias Medioambientais e da saúde e Informática.

Tamén reclamamos que no artigo 7.8. non se recolla a posibilidade de realizar agrupacións das materias, entendemos que o que debe haber é unha oferta real de optativas, sen que estean condicionadas por ter que facer determinados agrupamentos.

Outro dos puntos máis debatidos foi o relativo ao horario de apertura dos centros, pois o borrador propón que os centros poderían ter autonomía para ampliar o horario escolar, cuestión á que a CIG se opuxo pois se trata dunha medida que crea centros de diferente tipo e incide nas desigualdades territoriais e de oportunidades. Neste caso concreto a Consellaría estase limitando a traducir o Decreto estatal sen facer uso das súas competencias. Ante a nosa insistencia e tras un intenso debate en que as restantes organizacións sindicais presentes na Mesa coincidiron coa CIG en rexeitar esta proposta de ampliación do horarios escolar, a Consellaría acabou por manifestar que estudarían a nosa demanda de que os centros non podian ampliar o horario escolar estabelecido. Agardamos que a Consellaría reconsidere a súa postura, de non ser así a CIG defendería esta proposta ante o Consello Escolar de Galiza.

Finalmente lamentar que a Consellaría trouxese á Mesa negociadora unha posición fechada a respecto da carga horaria e que se negase a recoller algunha das demandas presentadas. Desde a CIG realizamos unha proposta meditada, que coincide coa demandada polos colectivos de profesorado afectados, e que aúna a defensa da calidade do ensino co mantemento da carga horaria para o profesorado, evitando unha redución de cadros de persoal que conleve o despedimento do profesorado interino ou a mobilidade forzosa para o profesorado definitivo.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2007.

Volver