A CIG-Ensino insta á Consellaría a solucionar a problemática dos libros de texto no CEIP Santa Baia de Boiro

Tanto o centro como a ANPA denuncian que os libros están en moi mal estado despois de tres anos de uso e que están desfasados ao non adaptarse á LOMCE.

Desde a Consellaría admiten esta situación pero din que de momento non van sufragar o cambio de material educativo, que se estima que tería un custo de 3.000 euros.

A CIG-Ensino reclámalle á Consellaría de Educación que lle dea unha solución á problemática trasladada desde o CEIP Santa Baia de Boiro a respecto dos libros de texto. En concreto denuncian que os libros de préstamo para os cursos de 3º e 5º de Primaria están en moi mal estado despois de tres anos de uso, unha situación que lles afecta a arredor de 120 estudantes, dos 500 que están matriculados no centro. A maiores, este material quedou desfasado porque non está adaptado á lexislación educativa vixente, a LOMCE e, segundo a normativa que rexe o préstamo de libros, ata dentro de tres anos non lles tocaría cambialos. Tanto a ANPA como a dirección do centro amosaron o seu malestar por esta situación e reclamáronlle á Xunta unha solución. Segundo estiman, a compra de novo material roldaría os 3.000 euros. De momento, a Consellería recoñeceulles esa situación de deterioro pero non artellou ningunha alternativa.

Volver