A CIG-Ensino gaña de novo as eleccións sindicais no ensino público non universitario

A falta de rematar o escrutinio na provincia da Coruña duplicamos o número de delegados/as da segunda organización sindical (60 fronte a 28) e mantémonos como a forza maioritaria no ensino público galego.

A CIG-Ensino acada uns resultados excelentes con 60 delegados/as en todo o país (co 100% dos votos escrutados en Pontevedra, Lugo e Ourense e co 80% na provincia da Coruña). Aínda con estes datos provisionais, confírmase que seguimos a ser a organización referente para o profesorado galego, a moita distancia das outras centrais. En concreto dobramos as delegadas que obtén CC.OO. con 28 e situámonos moi por riba dos resultados de ANPE con 18, UGT con 14, STEG con 12 e CSIF con 10. O sindicato USDG non obtén representación a falta do 20% dos votos recontados na provincia da Coruña.

Estes resultados afianzan o modelo sindical galego, de clase, plural, democrático, participativo e próximo ao profesorado que representa a CIG-Ensino. Agradecemos publicamente a confianza e o apoio que o profesorado vén de amosar co seu voto maioritario á CIG-Ensino. Este apoio tradúcese na representación maioritaria na Mesa Sectorial, con 8 representantes fronte aos 7 que sumarían o resto de sindicatos. Ademais supón un aval e un recoñecemento ao traballo realizado nestes últimos catro anos, á nosa  oposición ás afrontas e abusos da Consellaría, ao noso combate permanente contra a LOMCE e á nosa loita contra os recortes dos dereitos salariais e contra os ataques ao noso idioma. 

Desde a CIG-Ensino seguiremos apostando pola mobilización e a negociación para a consecución de melloras laborais para o colectivo docente, sen dobregarnos ante as imposicións da Xunta de Galiza e denunciando os acordos fraudulentos aos que chega a administración con outras organizacións cómplices. Agradecemos de novo a confianza depositada en nós a todo o profesorado galego e comprometémonos a defender o seu mandato até as últimas consecuencias. Estamos certos de que na Consellaría o apoio maioritario á CIG-Ensino referendado hoxe polo persoal docente non foi acollido con agrado porque o noso modelo combativo é o único que lle fai fronte ás políticas restritivas do goberno Feijóo.

Volver