cartaz

A CIG-Ensino esíxelle á Xunta que non se promovan campañas a prol da minaría nos centros de ensino

O sindicato amosa o seu rexeitamento ante a intención da Cámara Oficial Mineira de Galiza, coa complicidade da administración, de “lavarlle a cara” a un sector que está a causar graves desfeitas ambientais no noso país.

Baixo o nome de “Minaría sostible” a Cámara Oficial Mineira e a Xunta de Galiza veñen de presentar diversos materiais didácticos e audiovisuais dirixidos ao alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria que entendemos pretenden difundir polos centros de ensino do país.

Para a CIG-Ensino isto é totalmente inadmisíbel porque o ensino público non debe empregarse para campañas propagandísticas que teñen como único obxectivo dulcificar unha actividade que está a provocar consecuencias ambientais desastrosas para o noso territorio. Non existe a minaría sostible e menos o é a explotación dos recursos mineiros realizada nos últimos anos por certas empresas en zonas como Touro, San Finx, Monte Neme ou Santa Comba, por poñer uns exemplos.

Desde o sindicato esixímoslle á Consellaría que non permita a difusión destas campañas para non terxiversar a visión da realidade que ten o alumnado destes niveis, e que está claro que é a parte máis vulnerábel da poboación á hora de recibir este tipo de mensaxes. Esta campaña non ten nada de educativa e só defende os intereses económicos dun lobby empresarial que conculca todo tipo de dereitos de protección do territorio, como teñen denunciado distintos colectivos veciñais e ambientais como os pertencentes á rede ContraMINAcción.

Volver