A CIG-ENSINO esixe unha subdirección xeral na Consellería de Educación destinada a promoción do noso idioma

Normalización lingüística

A CIG-ENSINO vén demandando da Consellaría de Educación a creación dunha estrutura, como mínimo, unha Subdirección Xeral que coordine, asesore e impulse decididamente a normalización do noso idioma no ámbito do ensino para promover e velar polo emprego do noso idioma neste eido

A CIG-ENSINO EXIXE UNHA SUBDIRECCIÓN XERAL DESTINADA Á PROMOCIÓN DO NOSO IDIOMA

 

 

A CIG-ENSINO vén demandando da Consellaría de Educación a creación dunha estrutura, como mínimo, unha Subdirección Xeral que coordine, asesore e impulse decididamente a normalización do noso idioma no ámbito do ensino para promover e velar polo emprego do noso idioma neste eido.

 

A recente publicación do Mapa Sociolingüístico, cos datos recollidos no ano 2004, segue a constatar unha difícil situación para a nosa lingua, pois, ao feito de que o noso idioma siga sendo minoritario entre os máis novos, únese a comprobación de que se está a producir a perda da súa transmisión familiar ou do predominio claro do castelán nas sete grandes cidades, con especial incidencia nas máis poboadas: Ferrol, Vigo e a Coruña.

 

Os autores do Mapa Sociolingüístico sinalan a importancia da presenza da nosa lingua na escola, apuntando a que calquera recuperación vai estar ligada á maior presenza do noso idioma no sistema educativo e moi especialmente na primeira etapa, no ensino infantil, de aí a importancia de iniciativas como as galescolas. En conclusión, a escola é un dos máis importantes instrumentos para a normalización do noso idioma e cómpre pór as ferramentas necesarias para que así sexa.

 

Urxe, tamén, un plano de formación para todo o profesorado, para as direccións e para a inspección, unha formación axeitada que incida na sensibilización e que dote o profesorado de coñecementos sociolingüísticos e de estratexias para impartir a súa materia na nosa lingua.

 

Neste momento, a estrutura a nivel central que a Consellaría de Educación ten en relación coa normalización lingüística no ensino é inexistente, de aí a necesidade de crear, como mínimo, unha Subdirección Xeral destinada a esta función na Consellaría de Educación, pois nela reside a responsabilidade de formar as xeracións futuras e, no ensino, como demostran os datos, está unha das chaves para a recuperación do noso idioma.

 

Volver