A CIG-Ensino esixe que a Consellaría asuma as súas responsabilidade na xestión do conflito do IES García Barros da Estrada

O sindicato denuncia o desamparo que adoito sofre o profesorado galego pola inacción da Consellaría

A Consellaría debe asumir todas as responsabilidades na xestión dos problemas orixinados no IES García Barros e que a día de hoxe xa causaron unha alarma que vai máis alá do propio centro. En ningún caso as accións poden quedar nas mans do profesorado. A CIG esixe unha actuación inmediata e que se estenda, na protección de datos, a todos os centros.

 
A día de hoxe non existen garantías por parte da Consellaría de Educación de que exista un sistema de protección informático. Neste caso, como en moitos outros dá a sensación de que a Consellaría abandona as súas responsabilidades, deixando nas mans do profesorado a solución a todos os problemas que se xeneran nos centros educativos. A desidia, neste caso, afecta a cuestións técnicas mais tamén é unha realidade que o sentimento de desprotección do profesorado do IES García Barros foi absoluto. E a relevancia mediática, nalgúns casos totalmente desafortunada e alarmista, axudou a estender esa alarma ao conxunto do profesorado galego.


Como CIG-Ensino fomos cautelosos desde o primeiro momento, como ben sabe o profesorado do centro, xa que partimos da convicción de que se trata dun tema delicado sobre o que se debe actuar con axilidade e proporcionalmente á gravidade dos feitos e tendo en conta que hai menores implicados.


Na Xunta de Persoal Docente da provincia da Pontevedra do pasado 15 de xuño aprobouse por unanimidade de todas as organizacións sindicais unha resolución que reproducimos a seguir.


“A Xunta de Persoal Docente de Pontevedra quere mostrar o absoluto apoio ao claustro do IES Manuel García Barros, ante o apoderamento das contrasinais de acceso aos seus correos privados e da aplicación XADE; e esixe á Consellería que dea apoio legal e se persoe como acusación no caso denunciado, para protección dos datos de todo o alumnado e profesorado, ademais de dar instrucións claras ao resto dos centros sobre medidas de autoprotección para evitar novos ataques ás súas redes e equipos informáticos.”


Como CIG-Ensino reiteramos a nosa defensa do profesorado afectado ao tempo que esiximos unha actuación inmediata da Consellaría de Educación no que ten a ver co propio centro e no aumento de seguridade informática nos accesos a correos, aplicacións informáticas, avaliación e todo tipo de documentación que se produce ou custodia en todos os centros educativos.


En ningún caso este aumento de seguridade pode implicar un novo incremento da carga bu-rocrática xa actualmente desproporcionada que ten que aturar o persoal docente.

Volver