A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación deixa sen cubrir no concurso de traslados de mestres 276 prazas

Novos recortes do goberno Feijóo no ensino público

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación acaba de amortizar ou deixar sen cubrir a través do concurso de traslados unha totalidade de catrocentos setenta postos vacantes nos centros escolares. Estamos a falar de máis de 276 prazas do corpo de mestres e case 200 en Secundaria.

Hoxe, xoves 2 de xuño, publicouse no portal web da Consellaría a resolución definitiva do Concurso de Traslados de Mestres que mañá venres será publicado no DOG. O de Secundaria está previsto que se publique o día 7 de xuño.


No concurso do corpo de mestres participaron 4147 profesores e profesoras. En Secundaria os e as participantes son 4662. É dicir, estamos a falar de 8809 docentes participantes, maioritariamente solicitando cambio de destino, mais tamén profesorado que está obrigado a obter o seu primeiro destino definitivo.


No caso de Primaria deixan de cubrirse 276 prazas, das que 173 son amortizacións de xubilación anticipadas, máis dun 25,7% das 674 xubilación computadas en todo o país, achegamos un cadro coa distribución de amortizacións por especialidades.

Desde a CIG-Ensino temos que denunciar que esta Resolución do Concurso de traslados confirma a denuncia xa realizada pola CIG-Ensino de que a Consellaría está deixando de cubrir, e na maioría dos casos mesmo amortizando ou suprimindo, moitas prazas necesarias reclamadas polos centros. Esta é unha mostra máis de que esta Consellaría iniciou unha carreira para recortar profesorado nos centros, o que terá consecuencias na calidade do ensino e nas condicións de traballo do profesorado: rateos excesivas nas aulas, sobrecarga horaria para o profesorado, imposibilidade de formar grupos de reforzo educativo, etc.


Con esta resolución a Consellaría está dando os primeiros pasos para que estas prazas desaparezan dos centros e incrementa a redución realizada pola inspección educativa nas Xefaturas territoriais, polo que está a amortizar e deixar sen cubrir prazas que, ademais, foron informadas positivamente pola inspección, é dicir, foron informadas como necesarias nos centros. A Consellaría está máis ocupada en recortar prestacións ao ensino público ca en procurar que os centros conten coa dotación necesaria para acadar un ensino de calidade que camiñe cara á redución do fracaso escolar. Así, este ano están revisando as rateos das diferentes unidades dos centros e agrupando ao máximo, sen ter en conta as necesidades educativas que aconsellan non levar as rateos ao máximo previsto na lexislación vixente (25 en Primaria e Infantil e 30 en Secundaria sen contar os repetidores), é dicir fan unha distribución do alumnado en unidades tendo en conta criterios exclusivamente numéricos, fixando uns cadros de persoal raquíticos e aplicando criterios matemáticos.

A CIG-Ensino fai un chamamento á sociedade para que tome conciencia dos continuos ataques que esta Consellería de Educación está a facerlle ao ensino público: recorte de profesorado, supresión de unidades, lexislación que afonda na diferenciación entre os centros, diminución das axudas para os libros de texto… todo isto nun contexto de crise económica en que o ensino se debería de fortalecer. Crise económica que é utilizada para desmantelar un servizo público e primar a privada concertada. Mentres, o diñeiro gástase en substituír libros de texto porque están en galego, aínda que non rematasen os catro anos de vixencia.

A CIG-Ensino esixirá que os centros conten co profesorado necesario e canalizará as denuncias dos centros que vexan recortadas as súas necesidades, convocando mobilizacións, como tantas outras veces, se a Administración persiste nos recortes do profesorado.

Pódese acceder a toda a información do concurso de mestres de 2011 na seguinte ligazón

Volver