A CIG-Ensino denuncia os atrancos que a Consellaría de Educación está a pór para a formación dos/das delegados/as de prevención e saúde laboral

Saúde laboral

A Consellaría de Educación vén de convocar o primeiro curso básico para as/os delgadas/os de prevención de riscos e saúde laboral. Estes cursos constan de 50 horas e segundo o artigo 19 da Lei de Prevención de Riscos Laborais teñen que ser realizados dentro da xornada de traballo.
A CIG-ENSINO DENUNCIA OS ATRANCOS QUE A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN ESTÁ A PÓR PARA A FORMACIÓN DOS/AS DELEGADOS/AS DE PREVENCIÓN E SAÚDE LABORAL
 
A Consellaría de Educación vén de convocar o primeiro curso básico para as/os delgadas/os de prevención de riscos e saúde laboral. Estes cursos constan de 50 horas e segundo o artigo 19 da Lei de Prevención de Riscos Laborais teñen que ser realizados dentro da xornada de traballo.
 
É incompresíbel que a Consellaría deseñe este curso coa intención de non nomear substitutos e substitutas para cubrir os postos dos/das docentes que asistan aos mesmos, xa que propón realizalos en días alternos a partir do 19 de novembro, de maneira que o profesorado que é delegado/a de prevención ten que decidir entre asistir ao curso ou deixar o alumnado a cargo do/da profesor/a de garda, durante as 50 horas.
 
É inxustificábel que despois de 12 anos (1995) de estar en vixencia a Lei de Riscos Laborais e de ser de obrigado cumprimento tamén para a Consellaría de Educación, aínda non realizara ningún curso de formación. Soamente, desde hai dous anos, se iniciaron tímidos pasos constituíndo os Comités de Prevención e o Servizo de Prevención e Saúde Laboral. Os/as delegados/as levan este tempo traballando sen ningún tipo de formación que, obrigatoriamente, lles ten que proporcionar a Consellaría de Educación. Agora que, por fin, convoca os primeiros cursos, faino dun xeito que inviabiliza a asistencia aos mesmos.
 
A CIG-Ensino demanda da Consellaría de Educación a revisión das datas dos cursos e o compromiso de nomear substitutos/as para que os/as docentes delegados/as de prevención poidan asistir sen dificultades a estes, xa que a Consellaría está obrigada a formalos para que poidan realizar as funcións que están contempladas na Lei de Prevención de Riscos Laborais.

Volver