A CIG-Ensino denuncia a irresponsabilidade da Consellaría de Educación ao borrar do programa XADE dos Centros Educativos as listaxes de alumnado transportado

A CIG-Ensino denuncia que a ineficacia, a mala xestión e, en definitiva, a absoluta irresponsabilidade da Consellaría de Educación acaba de crear un problema organizativo nos centros, obrigándoos a unha sobrecarga de traballo burocrático inaceptábel

A mesma Consellaría, que obriga o profesorado, por decreto e sen negociación, a facer funcións que non lle corresponden, acaba, nin máis, nin menos, de borrar do programa informático de xestión dos centros todos os datos do alumnado transportado, o que se traduce na imposibilidade de realizar listaxes do alumnado e na imposibilidade de coñecer quen son os usuarios das distintas rutas, o seu número, etc.

Os datos que a Consellaría acaba de borrar foran recompilados ao longo de moito tempo e introducidos na aplicación informática polo propio profesorado nos centros, impedíndose a realización dunha copia que servise como garantía de seguridade. Despois de realizar todo este traballo, a Consellaría bórrao alegremente e aínda se atreve a falar de erros. Por riba, aínda que non se poida entender neste século XXI, a Consellaría dilles aos centros que terán que volver introducir todos os datos, porque di que non os pode exportar doutras aplicacións, algo inadmisíbel nunha administración que presume de que vai informatizar os centros e anda a venderlles aos pais e ás nais as lindezas de proxectos como o Abalar, cando logo non pode, ou non sabe, arranxar o máis elemental.

Este feito pon en evidencia cal é a consideración que a Consellaría ten do traballo realizado polo profesorado: ningunha. Estamos ante un novo desprezo ao profesorado e ao seu traballo.

Os centros denuncian que a situación é insostíbel pois, neste momento, carecen de calquera dato sobre o transporte e na inmensa maioría destes centros non contan con persoal administrativo polo que este traballo terá que ser realizado novamente polo profesorado. En que horario? En que parte da súa xornada na que non está contemplada a realización destes labores burocráticos que porén cada día ocupan máis e máis horas do persoal docente?

            Nesta situación, a CIG-Ensino esixe que, desde a Administración, se repoñan os datos destruídos e que, en ningún caso, se obrigue aos centros a realizar unha tarefa que debería ser realizada por un persoal administrativo co que non contan, malia ser a dotación dos centros con persoal administrativo unha vella reivindicación da CIG-Ensino e do profesorado e que o propio PP copiou no seu programa electoral, agora incumprido.

Volver