A CIG-Ensino denuncia a actuación irresponsábel e as mentiras da Consellaría ao respecto das obras no IES Ramón Cabanillas

A convivencia entre obras "maiores" e actividade docente neste centro está poñendo en perigo tanto ao alumnado como ao persoal que traballa nel.

Polo que nos teñen informado desde o centro durante as últimas semanas choveu no seu interior, cunha importante acumulación de auga, o que levou a que por parte do equipo directivo, e co obxectivo de evitar males maiores, se inhabilitara unha das dúas escaleiras de acceso ás aulas e varios aseos, e se establecera un operativo para que o profesorado controlara que o alumnado non accedera aos pisos superiores polas zonas de risco.

Ao longo das últimas semanas a Consellería de Educación ten manifestado publicamente en diversas ocasións que as obras que se están a acometer no IES Ramón Cabanillas de Cambados están case rematadas, ao supostamente terse rematado a actuación no interior e estar a piques de rematar os exteriores. As manifestacións ao respecto ademais non foron feitas por un calquera, senón pola propia Conselleira de Educación a finais de outubro, e reiteradas o pasado martes polo Secretario Xeral Técnico da Consellería nunha comparecencia no Parlamento de Galiza.

Na CIG-ENSINO temos denunciado en moitas ocasións a actitude dunha Consellería que manipula a información para dar imaxe de que todo vai ben na educación no noso país, cando a realidade é a contraria e hai unha política planificada de fomento do ensino privado con ampliación de concertos e orzamentos, mentres no caso do ensino público se reducen unidades, se despreza aos traballadores e traballadoras, á súa representación sindical e aos pais e nais.

Pero no caso do IES Cabanillas entendemos que estamos ademais diante dun caso de irresponsabilidade manifesta, que pon en perigo ao alumnado e traballadores e traballadoras do centro, que dun xeito exemplar teñen asumido o que supón convivir actividade docente e obras maiores, traballando día a día e preocupándose por esquivar as situacións de risco coas que se atopan.

Unha vez máis queremos facer un chamamento á administración educativa para que asuma a realidade e deixe de mentir, que recoñeza a realidade sobre a situación actual das obras, e que adopte as medidas necesarias para que rematen o antes posíbel e non teña que ser o equipo directivo e o resto de persoal que traballa no centro o que deba adoptar medidas de protección para evitar posíbeis accidentes debidos á convivencia de actividade de obra e lectiva.

Volver