A CIG-Ensino demanda o incremento de centros cualificados como de especial dificultade

Tras o compromiso obtido na Mesa Sectorial de revisar a orde que actualiza a relación destes centros, o sindicato trasladou á Consellaría as súas propostas e urxe a publicación da orde e os efectos retroactivos

Desde a CIG Ensino demandamos da Consellaría que unha vez actualizados os centros e as aulas de especial dificultade estas puntúen desde o momento en que as mesmas funcionen cos requisitos que marcan a súa consideración como centros de especial dificultade e non desde a súa publicación no DOG.

A CIG-Ensino ven de trasladarlle á Consellaría de Educación a demanda de que se dea resposta á súa solicitude de incremento dos centros de especial dificultade, procedendo á publicación da Orde no DOG canto antes, incorporando todas as peticións feitas pola CIG. 

Desde o sindicato tamén se lle trasladou de novo á Consellaría a demanda de que a puntuación por traballar nos centros que se incorporen a ese Anexo non se faga efectiva só desde a data de publicación no DOG ou desde principios deste curso, senón desde o momento en que as aulas ou centros funcionen cos requisitos que marcan a súa consideración como centros de especial dificultade.

A actualización dos centros, unha demanda da CIG-Ensino.

A principios de curso a CIG-Ensino solicitou da Consellaría de Educación a actualización dos centros catalogados como de especial dificultade. En resposta a esta demanda, a Consellaría levou á Mesa Sectorial do 24 de outubro un borrador cun Anexo actualizado de centros de especial dificultade. 

Na Mesa a CIG-Ensino amosou a súa desconformidade coa relación de centros, ao entender que non se recollían todos os que teñen actualmente aulas de EE en funcionamento, sexan creadas formalmente ou habilitadas. O compromiso da Consellaría na Mesa foi incorporar todos aqueles centros que, cumprindo eses requisitos, lle trasladaramos. Así, desde a CIG-Ensino fixemos entrega, o pasado 30 de outubro, dunha relación dos centros que se debían incorporar. 

A día de hoxe, e unha vez publicada no DOG a convocatoria do CXT sen que esta orde se publique, a CIG-Ensino reiterou a demanda da súa publicación. Segundo información da Consellaría está previsto que se faga en breve, unha vez revisadas as solicitudes e terá efectos desde a posta en funcionamento das aulas ou centros. 

A especial dificultade outorga maior puntuación nos concursos de traslados.

A consideración dun centro como de especial dificultade só ten relevancia na mobilidade do profesorado, ao ter unha maior puntuación nos concursos de traslados. Estas son as condicións:

Puntuación no apartado 1.1.3. Por cada ano como persoal funcionario en praza, posto ou centro de especial dificultade: 2 puntos 

  • Esta puntuación ten carácter consumíbel: desaparece cando o ou a docente marcha do centro.
  • Válida tanto para profesorado provisional como definitivo. 
  • Só puntúa mentres se está no centro e só se está realmente nel: unha mestra definitiva nunha unitaria en comisión de concilia noutro centro non puntúa mestres estea fóra da unitaria. E volverá a puntuar se retorna ao centro.
  • Ao contrario, cando unha persoa definitiva está provisionalmente (comisión de servizos) nun centro de especial dificultade puntuará por este apartado. 
A CIG-Ensino demanda o incremento de centros cualificados como de especial dificultade

Documento


Volver