A CIG-Ensino demanda da Consellaría de Educación as revisións médicas e o comezo da vixilancia da saúde do profesorado.

Saude laboral

Os docentes e as docentes somos o único colectivo que continúa sen ter revisións médicas tal como recolle a Lei de Prevención de Riscos e Saúde Laboral. O artigo 22 estabelece a obrigatoriedade que todo empresario ou administración pública ten de garantir unha vixilancia periódica do estado de saúde dos seus traballadores e traballadoras, neste caso do profesorado. Aínda máis, no artigo 5, insta a Administración a colaborar e promover a mellora da educación en materia preventiva nos diferentes niveis do ensino. Así puidemos ver a campaña que fixo nos centros a Consellaría de Traballo dirixida ao alumnado.
A CIG-Ensino demanda da Consellaría de Educación as revisións médicas para o profesorado e o comezo da vixilancia da saúde do profesorado
 
Os docentes e as docentes somos o único colectivo que continúa sen ter revisións médicas tal como recolle a Lei de Prevención de Riscos e Saúde Laboral. O artigo 22 estabelece a obrigatoriedade que todo empresario ou administración pública ten de garantir unha vixilancia periódica do estado de saúde dos seus traballadores e traballadoras, neste caso do profesorado. Aínda máis, no  artigo 5, insta a Administración a colaborar e promover a mellora da educación en materia preventiva nos diferentes niveis do ensino. Así puidemos ver a campaña que fixo nos centros a Consellaría de Traballo dirixida ao alumnado.
 
Fronte a isto, a Consellaría de Educación non contempla nin para un futuro próximo a posibilidade dunha revisión médica anual dos seus funcionarios, cando o resto das Consellarías xa o fan desde hai tempo.
 
Así mesmo as avaliacións de riscos nos centros educativos están sen facer, os servizos de prevención están sen dotar de persoal, só hai dous técnicos para todos os centros do País (máis de 1000) e os orzamentos destinados a este fin para o ano que vén son totalmente insuficientes. Despois de 13 anos de vixencia da Lei de Prevención e Saúde Laboral, o único que fixo esta Consellaría foi constituír os Comités de Prevención sen espazo físico nin medios para traballar e convocar para este trimestre os primeiros cursos de formación básica para Delegados e Delegadas de Prevención. Como se pode ver o balance é totalmente negativo.
 
A CIG-Ensino amais de denunciar a política en materia de prevención de riscos e protección da saúde no traballo da Consellaría de Educación, exixímoslle un compromiso firme para que no vindeiro ano se efectúe a revisión médica anual aos docentes e ás docentes galegos/as, pois, é inaceptábel que sexamos o único corpo de funcionarios/as da Administración galega, que non goce deste dereito básico.

Volver