A CIG-Ensino defendeu na Mesa Sectorial do Estado cambios substanciais no anteproxecto de modificación da LOE-LOMCE

Presentación do Anteproxecto de Lei para modificar a LOE-LOMCE en Madrid

O sindicato entende que o Ministerio non presenta no novo texto o conxunto de medidas necesarias para reverter os recortes da LOMCE e aposta por unha lei de mínimos que non impida que Galiza poida desenvolver a súa propia Lei Galega de Educación. Accede ao resumo feito pola CIG-Ensino sobre os principais cambios incluídos neste proxecto lexislativo nesta ligazón.

Na reunión da Mesa Sectorial estatal, o Ministerio de Educación  (MEFP) presentou as medidas incluídas no anteproxecto de lei para modificar a LOE. A CIG-Ensino levou á Mesa moitas das propostas que lle fixo chegar o profesorado galego e centrou a súa posición en ir máis alá dos cambios que presenta o MEFP, que certamente eliminan algúns dos aspectos máis regresivos da LOMCE mais non por completo, reproducindo o vello xogo da alternancia política no deseño das políticas educativas, segundo o cal se pode constatar que existe desde a LODE, en 1985, unha columna vertebral na lexislación educativa española que malia os vaivéns dun e doutro goberno mantén un carácter centralista, protector dos concertos educativos e da permanencia da materia de relixión, entre outros elementos de referencia.

Na CIG-Ensino somos conscientes de que o máis urxente e o que, de feito, lle demandamos desde a primeira entrevista á ministra Celaá é a derrogación da LOMCE e o inicio dun debate sobre cal é o deseño que queremos para unha futura Lei de Educación, que para a CIG debe ser unha lei básica que permita que a realidade plurinacional, pluricultural e plurilingüístico do Estado sexa tamén unha realidade normativa, respectando e ampliando o marco competencial e salvagardando as competencias exclusivas da Xunta de Galiza. Mais ao tempo non podemos obviar que quedarse a medias nos cambios só conduce á permanencia matizada da lexislación vixente e a defraudar o profesorado e a comunidade educativa en xeral. Por iso, na CIG-Ensino centramos as nosas demandas naqueles aspectos nos que o texto do Goberno español non dá os pasos decididos e que centraron as mobilizacións contra a LOMCE.

Así, fixemos fincapé en defender unha lei de mínimos que permita desenvolver unha lei galega de educación no marco da defensa dun ensino público de calidade e da nosa lingua.

Achegamos tamén propostas para garantir unha única rede pública no camiño da eliminación dos concertos educativos, comezando con carácter inmediato cos centros que segregan alumando por sexo ou medidas de corte social como a gratuidade total da educación, desde o material didáctico e libros de texto até o comedor ou as actividades extraescolares.

A diminución no texto da propia Lei das ratios, desde Infantil a Bacharelato ou a FP Básica, a ampliación de persoal docente para a atención á diversidade,  a creación de postos de traballo de persoal administrativo en todos os centros e a incorporación de obrigatoria de novos perfís profesionais a centros que os necesiten (persoal coidador, educación social, persoal sanitario…) tamén estiveron presentes nas propostas da CIG-Ensino.

A nivel da ordenación das ensinanzas a nosa posición foi crítica co feito de que hai aspectos que no anteproxecto se presentan como novidosos mais que na práctica non afondan nas reformas necesarias. Así, os itinerarios en 4º da ESO cólanse pola porta de atrás co mantemento das dúas opcións de Matemáticas ou o estabelecemento do agrupamento de materias optativas e a limitación na oferta polo número de alumnado, o que na práctica implicará que a maioría dos centros manterán os actuais itinerarios. Por outro lado valoramos positivamente os cambios que se pretenden introducir nos actuais PMAR, que co nome de PMO comezarían en 3º da ESO en vez de en 2º ou a titulación de graduado na ESO para o alumando que supere a FP Básica.

Tamén amosamos o noso desacordo co feito de que a eliminación das reválidas, que efectivamente se produce no texto, non se acompañe coa retirada das probas que se mantiveron estes anos ao final de Primaria e a ESO, agora con carácter plurianual e mostral. Isto implicará que moito alumnado pasará por catro avaliacións externas ao longo da súa educación obrigatoria (dúas baixo a denominación de avaliación de diagnóstico en 4º de EP e 2º da ESO e outras dúas de avaliación xeral do sistema educativo (6º EP e 4ºESO), mantendo por tanto o control curricular externo que claramente ten como obxectivo estandarizar e controlar o traballo docente.

Dentro do capítulo de mellora das condicións de traballo do profesorado as propostas da CIG-Ensino centráronse naqueles aspectos que actualmente dependen da normativa estatal e son claramente insuficientes ou directamente inexistentes, desde a posibilidade de convocar procesos selectivos extraordinarios pola vía do acceso diferenciado até a xubilación anticipada indefinida para todo o profesorado, tamén para aquel que accedeu despois de xaneiro de 2011, pasando pola regulación dun cadro de enfermidades profesionais ou a redución de horario lectivo para maiores de 55 anos sen redución salarial.

Incidimos igualmente nas medidas para democratizar os centros educativos e aínda que valoramos positivamente que se modifique a presenza maioritaria da administración na selección da dirección, volvendo á redacción da LOE, na CIG-Ensino entendemos que deben tomarse medidas que eviten a presenza de representantes da administración nun proceso que debe responder exclusivamente á vontade maioritaria do Consello Escolar, con preferencia do profesorado definitivo no centro.

Como xa fixeramos en procesos de negociación anteriores, demandamos que as ensinanzas artísticas superiores se integren na Universidade e que se faga nun prazo de tres anos, con medidas transitorias de adaptación destes centros ás normas universitarias. 

defensa dun ensino laico foi outro das demandas da CIG-Ensino, coa retirada da relixión do currículo escolar e, por tanto, fóra dos centros educativos. A decisión do Goberno español de limitarse á volta á situación previa á LOMCE, coa relixión como materia non obrigatoria e que non computa para as notas medias ou as bolsas de estudos é insuficiente e impide dar pasos cara  un ensino realmente laico e a anular os acordos do Estado co Vaticano e outras confesións relixiosas. 

Ao respecto dos concertos educativos, e en concreto os dos centros que segregan por sexo, a redacción proposta debe ser máis directa e evitar que se financien con fondos públicos centros que seleccionan o seu alumnado polo seu sexo, a súa relixión, a súa raza, etc…evitando que a discriminación e a segregación teñan o apoio dos poderes públicos.

Por último, defendemos que, con independencia do noso desacordo con moitas das medidas que se adoptan ao se quedaren a medio camiño do que como CIG demandamos, non se adíe a implantación das medidas segundo o calendario previsto, xa que non estamos a falar de cambios substanciais que impliquen adaptacións temporais tan longas.

Adiamento do Pleno do Consello Escolar do Estado para principio de xaneiro.

Por petición dalgunhas organizacións sindicais o Pleno Escolar do Estado previsto para o 18 de decembro trasladouse para o 8 de xaneiro. A CIG-Ensino defenderá nese Pleno un cento de emendas na liña do que hoxe defendemos na Mesa Sectorial, con propostas articuladas e concretas para moitos dos apartados do anteproxecto e da propia LOE, incluída a necesidade de que exista unha lei de financiamento para aplicar as melloras que presentamos.

Texto do Anteproxecto de Lei de modificación da LOE. Ligazón

Calendario proposto para a aplicación da modificación da LOE.

entrada en vigor da lei

-   modificacións relativas a consello escolar, claustro e dirección, incluída a selección desta última

-   admisión de alumnado

inicio do curso seguinte á entrada en vigor (previsíbel 2019-20)

-   avaliación e promoción das diferentes etapas

-   titulación en EP, ESO e BAC

-   Condicións de acceso ás diferentes ensinanzas

2020-2021

Currículo, organización e obxectivos:

-   1º, 3º e 5º EP

-   1º e 3º ESO

-   1º BAC

-   1º curso FP Básica

2021-2022

Currículo, organización e obxectivos:

-   2º, 4º e 6º EP

-   2º e 4º ESO

-   2º BAC

-   2º curso FP Básica (implantación da titulación da ESO coa FP Básica)

-   Universidade

-   Avaliacións de diagnóstico

CIG

Outras informacións de interese

Na rolda final de intervencións a CIG-Ensino trasladoulle ao Secretario de Estado as seguintes cuestións:

  • Temarios das oposicións.É preciso que o Ministerio despexe as dúbidas creadas pola truncada negociación dos temarios das oposicións co anterior goberno do PP, xa que aínda que ninguén acreditara nos prazos indicados naquel momento, (2020), o certo é que son cada vez máis as preguntas de persoas opositoras sobre este tema.O Secretario de Estado confirma que non teñen pensado modificar os temarios. Indica que non descartan a posibilidade de abrir un debate sobre o sistema de acceso mais sen dar datas ni nada que permita pensar en cambios a curto prazo.
  • Concurso de Traslados: homoxeneización da puntuación, acomodando o baremo á xurisprudencia europea e o baremo galego. O anterior goberno non fixo nada ao respecto e seguen a convivir dous baremos diferentes que crean algúns problemas ao non recoñecer outras CC.AA. a puntuación do tempo como persoal interino.O novo goberno non ten aínda unha posición ao respecto.
  • Devolución IRPF a profesorado de MUFACE que tivo permiso de maternidade ou paternidade.Aínda que sabemos que depende de Facenda estaban presentes os máis altos cargos do Ministerio que teñen reunións interministeriais semanais. Demandamos que trasladen o malestar do profesorado de MUFACE por ser discriminado ao respecto do resto dos e das traballadoras. Son conscientes do problema mais alegan, como era previsto, que non depende do MEFP.

 

CIG Informa cun resumo sobre as principais modificacións no Anteproxecto de reforma da LOE/LOMCE

Documento


Volver