A CIG-Ensino defende 124 emendas ao informe da ponencia e ao anteproxecto de modificación da LOE/LOMCE no Consello Escolar do Estado

O plenario deste organismo celebrouse o martes 8 de xaneiro en Madrid.

O elevado número de emendas presentadas, que supera amplamente as dos outros sindicatos de ámbito estatal (CCOO: 39, STES: 57, UGT: 22, ANPE: 4, CSIF: 34, USO: 25, FSIE: 16) responde á gran participación do profesorado galego no envío de achegas á proposta de cambio lexislativo formulada polo goberno do Estado.

A CIG-Ensino, a través do seu secretario nacional, Suso Bermello, defendeu o martes 8 de xaneiro a súa proposta de emendas ao informe da ponencia elaborado pola comisión permanente do Consello Escolar do Estado (que é preceptivo) e ao propio documento de anteproxecto de modificación da LOE/LOMCE presentado polo goberno. Coa nosa presenza neste debate pretendemos combater a visión centralizadora que contén tanto o informe deste órgano consultivo como as emendas presentadas por outras organizacións con representación no mesmo, como as da patronal dos centros educativos privados e concertados, así como doutras organizacións sindicais. Contra todo prognóstico as votacións remataron hoxe.

Á marxe da inclusión no novo texto normativo da defensa da identidade, da cultura e da lingua propias, e dado que todo indica que o goberno non quere dar o paso decisivo de derrogar por completo a LOMCE, como lle pedimos desde o primeiro momento á ministra Isabel Celaá, no sindicato centramos as nosas reivindicacións naqueles aspectos máis lesivos da coñecida como "Lei Wert", así como nas consideracións que nos fixeron chegar os compañeiros e compañeiras do ensino público galego no último mes. Entre as 124 propostas inclúense ademais melloras ao propio texto da LOE de 2006, á que pretende volver o goberno central con esta modificación da LOMCE. A continuación, resumimos as nosas emendas, que poden consultarse de forma máis pormenorizada neste CIG-Informa:

Lei de mínimos que permita desenvolver unha Lei Galega de Educación

- Gratuidade total do ensino público.

- Redución das ratios a:
No 1º ciclo de Infantil: 6 en 1º (0 anos), 10 en 2º (1 ano), e 12 en 3º (2 anos), 15 no 2º ciclo de Infantil.
20 en Primaria e ESO
25 no Bacharelato
15 na FP Básica e nos PMO (actuais PMAR)

- Carácter obrigatorio e gratuíto do 2º ciclo de Infantil.

Unha lei que reforce a atención á diversidade

- Reforzo da función titorial e da orientación así como da dotación de profesorado de PT e AL.

- Creación de postos de traballo de perfís profesionais necesarios en centros docentes en función das súas necesidades (educación social, persoal coidador, interpretación de signos, persoal sanitario…)

- Redución das ratios cando na aula se escolarice alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

- Potenciación da oferta no medio rural e nas zonas socialmente desfavorecidas con maiores dotacións de profesionais e orzamentarias

O control do sistema educativo non se pode facer de costas ao profesorado

- Eliminación das avaliacións de diagnóstico de 4º de EP e 2º da ESO.

- Eliminación das probas externas que substitúen ás reválidas en 6º de EP e 4º da ESO e que, na práctica, implican manter esas probas con carácter mostral e plurianual.

- O control externo tal e como está deseñado implica un control curricular que provoca unha educación titelada polo poder político e económico.

Os itinerarios da ESO non se poden colar pola porta de atrás

- Seguen existindo dúas opcións diferenciadas para as Matemáticas en 4º da ESO e a oferta de agrupacións de materias neste curso.

- Non se deben limitar as materias optativas na ESO e o Bacharelato polo número de alumnado. 

Defensa do ensino público como única rede

- Defensa dunha única rede pública que implique que a programación das ensinanzas se faga partindo dela e emprender unha planificación escolar para unha paulatina desaparición dos concertos educativos.

- Os actuais concertos, por tanto, non poden ser un condicionante para evitar, como acontece agora, que se promova a construción de centros públicos.

- Prohibición de financiar a cargo do erario público os centros que segregan o seu alumnado por razóns de sexo, relixión, raza, opinión ou por calquera circunstancia persoal ou social.

Eliminar a relixión como materia curricular dos centros docentes

- O estudo do feito relixioso só ten cabida no currículo como un tema cultural e histórico no ámbito das ciencias sociais. A relixión debe quedar só na esfera privada.

Goberno democrático dos centros

 - A selección da dirección dos centros debe facerse respectando a decisión democrática do claustro e consello escolar. 

- A formación inicial para aquel profesorado sen experiencia previa na dirección non pode ser un elemento de control.

- Modificación da Lei Orgánica 5/2002 das Cualificacións e a FP para eliminar o nomeamento da dirección por libre designación.

Integración das ensinanzas artísticas superiores na universidade

Propoñemos un prazo de 3 anos desde a entrada en vigor da Lei para aprobar a normativa que permita a integración destes estudos na universidade.

Entrada en vigor

Defendemos que non ten sentido demorar a entrada en vigor da Lei tal e como aparece no anteproxecto, a tres anos vista, ao non se tratar de cambios substanciais.

CIG

Melloras para o profesorado que se deberían incluír na Lei:

Facilitar a formación do profesorado en horario lectivo.
Definición por lei dun cadro de enfermidades profesionais do profesorado.
Regular como dereito e non como posibilidade que nunca foi efectiva que o profesorado maior de 55 anos poida reducir o seu horario lectivo sen redución salarial.
Arbitrar a posibilidade de que o profesorado, por motivos de saúde, poida realizar unha xornada laboral que non implique docencia directa.
Dereito a ter unha licenza anual de formación (ano sabático) durante a carreira docente de todo o profesorado.
A posíbel valoración da función docente non debe ter repercusión na mobilidade, na carreira docente ou na participación en actividades de formación.
A mobilidade no concurso de traslados debe poder facerse cada ano, sen ter que permanecer dous anos no destino.
Eliminar ou canto menos reducir a meritocracia no concurso de traslados.
Garantir que todo o profesorado do corpo de mestres que traballa na ESO cobre o complemento do nivel 24, incluído o de PT ou AL.
Defendemos o corpo único de ensinantes, coas mesmas condicións de acceso e de desempeño do traballo, tanto en horario como en salario, mais mentres se manteñan os diferentes corpos deben respectarse as atribucións docentes que teñen asignadas, evitando que a administración poida usar ao seu antollo o profesorado dun corpo para impartir docencia en materias ou niveis propios doutros corpos.
Propoñemos que se poida regular, en virtude de lei, un sistema de acceso diferenciado coa convocatoria simultánea de procesos selectivos que diferencien a renovación de efectivos e a consolidación de postos de traballo estruturais ocupados por persoal interino. Garantir o carácter indefinido da xubilación anticipada aos 60 anos para todo o profesorado, tamén para quen accedeu despois de xaneiro de 2011.
Manter a prioridade de matrícula dos fillos e fillas do profesorado nos centros educativos nos que traballan.

CIG Informa sobre os resultados das eleccións sindicais e sobre as enmendas ao anteproxecto de reforma da LOE/LOMCE

Documento


Volver