A CIG Ensino considera insuficiente o incremento de prazas de Orientación para o Concurso deste ano

A Consellaría inclúe 9 prazas das 38 que desde a CIG reclamamos en Mesa Sectorial

Desde a CIG Ensino cualificamos de insuficiente o aumento de 9 prazas na oferta de prazas de orientación para o Concurso de Traslados Específicos de Orientación nos centros de Educación Primaria e Infantil que a Consellaría acaba de adiantarnos remitindo a nova orde do citado concurso. O novo anexo de prazas ten algún erro que xa lle foi trasladado desde o sindicato á Consellaría. 

Nesta escasa mellora a Consellaría segue a manter unha interpretación restritiva ao computar unicamente unidades de Educación Primaria, sen ter en conta as de Infantil, e amplía a compartición máis alá do que regula o Decreto 120/1998: ser centro incompleto e estar na mesma zona de escolarización.

Desde a CIG somos contrarios ao incremento da compartición de centros, máis aínda cando estes centros levan consigo centros adscritos. Esta compartición xa comezou neste ano coas prazas de PT e AL, cando é obvio que as necesidades na atención ao alumnado de NEAE non se fai ampliando os centros compartidos, senón aumentando o profesorado.

O incremento total elévase ás 16 prazas o que supón un incremento de máis de unha cuarta parte das prazas inicialmente anunciadas. Fica claro, unha vez máis, que en todo o que ten a ver coa orientación e a atención á diversidade falta planificación e rigor por parte da Inspección Educativa. 

Volvemos instar á Consellaría a abrir unha negociación global sobre o mapa da orientación galega, para fixar con carácter permanente os criterios para dotar dunha praza de orientación a tempo completo e compartida, en base a unidades, número de alumnado total e distancia entre centros. Distancia que se debería respectar nos cambios de compartición futuros e que neste momento quedan abertos.

No novo texto da orde aumentan, corrixindo algúns erros, as resultas tal e como solicitou a CIG Ensino na mesa sectorial celebrada o 13 de novembro de 2018.

Volver