A CIG-ENSINO chama o profesorado a participar na mobilización por unhas pensións dignas e pola recuperación de dereitos

O sindicato ten convocadas 23 concentracións en todo o país o domingo 15 de abril.

Na CIG-Ensino demandamos que todo o profesorado, con independencia do seu réxime de cotización (xeral ou clases pasivas) teña as mesmas condicións para se xubilar, mantendo no caso do funcionariado de carreira posterior a 2010 a xubilación anticipada aos 60 anos e a xubilación ordinaria aos 65, ao tempo que se negocie para o persoal interino a extensión deste dereito.

A CIG vai desenvolver unha xornada nacional de mobilizacións o domingo 15 de abril, en defensa do sistema público de pensións, pola recuperación dos dereitos roubados e para reivindicar emprego e salarios dignos, como única garantía de termos unhas pensións dignas. Nese día, a central convocará mobilizacións simultáneas nas sete cidades e en múltiples vilas do país co obxectivo de descentralizar as protestas e visibilizar o amplo rexeitamento social ás políticas dos gobernos do PP. 

Recuperar dereitos, rematar cos recortes 

A CIG-Ensino chama o profesorado a participar nestas mobilizacións e a defender a recuperación dos seus dereitos, que no caso do profesorado do ensino público se concreta nunha táboa reivindicativa da campaña de medidas urxentes que o sindicato puxo en marcha a principios de febreiro e que rematará nas próximas semanas. 

Na CIG-Ensino temos claro que estamos nun momento no que precisamos unha resposta contundente, na que tamén ten que ter voz propia o profesorado. A resposta que o sindicato está obtendo na campaña de medidas urxentes demostra que o profesorado do ensino público fixa como obxectivo fundamental a mellora das súas condicións laborais e profesionais, así como a mellora salarial despois de anos de recortes e de perda de poder adquisitivo. Estamos, por tanto, nun momento de acumulación de forzas para dar unha resposta contundente que obrigue o Goberno do PP en Madrid á derrogación das reformas laborais e das pensións e á Xunta de Galiza a comezar unha negociación real para que o profesorado recupere os seus dereitos. 

Desfacer as reformas das pensións do 2011 e 2013 

Un docente interino ou unha profesora funcionaria de carreira que aprobara as oposicións despois do 2010 son as principais vítimas da reforma que no 2011 o PSOE pactou con CC.OO., UGT e a patronal. Naquela reforma incrementouse o tempo para o cálculo das pensións, pasando de 15 a 25 anos, incrementouse a idade de xubilación con carácter xeral até os 67 anos e introduciuse o factor de sustentabilidade, polo que se penaliza a maior esperanza de vida no importe das pensións. Tamén se puxo no punto de mira o profesorado de clases pasivas, coa intención de estender os recortes do réxime xeral ao funcionariado de clases pasivas. Naquel momento a CIG convocou unha folga xeral en solitario. Finalmente, a chegada do PP adiantou a implantación do factor de sustentabilidade de 2027 a 2019. 

Na CIG-Ensino demandamos que todo o profesorado, con independencia do seu réxime de cotización (xeral ou clases pasivas) teña as mesmas condicións para se xubilar, mantendo no caso do funcionariado de carreira posterior a 2010 a xubilación anticipada aos 60 anos e a xubilación ordinaria aos 65, ao tempo que se negocie para o persoal interino a extensión deste dereito. 

15 de abril - Xornada Nacional de Mobilizacións 

  • Pontevedra: 11:30h Praza da Ferrería
  • Vilagarcía: 12:00h Casa do Mar
  • A Estrada: 11:30h Praza do Mercado
  • Lugo: 12:00h Diante do Concello
  • Sarria: 12:00h Praza da Vila
  • Guitiriz: 12:00h Praza da Feira
  • Monforte: 12:00h Diante do Concello
  • Burela: 12:00h Praza da Mariña
  • Ribadeo: 12:00h Diante do Concello
  • Vilalba: 12:00h Praza da Constitución
  • Ferrol: 12:00h Praza Amada García
  • As Pontes: 12:00h Diante do concello
  • Santiago: 12:00h Praza do Toural
  • Padrón: 12:00h Biblioteca Municipal (Rúa Fonte da Vila)
  • Boiro: 12:00h Diante do Concello
  • Noia: 12:00h Diante do Concello
  • A Coruña: 12:00h Praza de Pontevedra
  • Cee: 12:00h Praza do Concello
  • Vigo: 12:00h Vía Norte
  • Moaña: 12:00h Diante do Concello (Rúa ás Barxas)
  • Ourense: 11:30h Praza do Ferro
  • Verín: 12:00h Praza do Concello
  • O Barco: 12:00h Diante do Hospital Comarcal

Volver