A CIG Ensino chama ao profesorado a participar masivamente nas concentracións de mañá pola recuperación do horario lectivo

As concentracións, que terán lugar ás 19:30 horas nas sete grandes cidades galegas, están convocadas por todas as organizacións con representación no ensino público.

É o momento de facernos oír ante a intransixencia da Consellaría e súa negativa a devolvernos un dereito que permitiría recuperar os máis de 1.000 postos de traballo recortados por estas e outras medidas postas en marcha polos gobernos do PP na Xunta e en Madrid.

A CIG-Ensino anima a todo o profesorado galego a participar nalgunha das sete concentracións que terán lugar mañá ás 19:30 horas como antesala da xornada de folga no ensino prevista para o día 12 de decembro. Ante a negativa da Consellaría de Educación a negociar a recuperación do horario lectivo que tiñamos antes dos recortes, 18 períodos lectivos semanais en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e 21 en primaria, infantil e educación especial, só cómpre unha resposta contundente de todo o persoal docente.

“Queremos recuperar un horario que no caso de secundaria sempre foi de 18 horas, e no caso de primaria conseguiuse a raíz dun acordo sindical coa administración no ano 2007, e que noutras sete comunidades autónomas xa teñen restablecido. Os argumentos dados pola Consellaría son un auténtico insulto ao profesorado, ao que a Xunta utiliza nas súas liortas políticas co goberno de Madrid dicindo que até que este envíe fondos non dará ningún paso. Nin ese é un argumento minimamente válido nin queremos que nos utilicen como reféns políticos cando a calidade do sistema educativo galego se mantivo polo enorme sacrificio e esforzo feito polo seu persoal a pesar de todos os atrancos da administración”, lembrou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello quen, á súa vez, dixo que a recuperación desta medida suporía tamén recuperar os miles de postos de traballo que se recortaron despois da súa aplicación, así como reducir a impartición de afíns e as itinerancias e unha mellor atención ao alumnado con incremento de desdobres, apoios e reforzos.

Lugares das concentracións ás 19:30 horas

A CORUÑA IES EUSEBIO DA GUARDA
FERROL EDIFICIO DA XUNTA
SANTIAGO PRAZA DO TOURAL
LUGO SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO
OURENSE SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO
PONTEVEDRA PRAZA DA FERRERÍA
VIGO MARCO

 

Volver