A CIG-Ensino avalía como “un paso máis cara á estabilidade laboral” as últimas novas sobre a Escola Municipal de Música

Após a asemblea celebrada esta mañá cos traballadores e traballadoras, o secretario comarcal do sindicato agarda que non haxa máis sobresaltos e que o curso poida continuar con normalidade.

Rubén F. Monteagudo lembra que polo de agora os dous obxectivos que se marcara o sindicato están acadados: que non se producira ningún despedimento e que se mantiveran as actuais condicións de traballo do persoal. Así mesmo, avanza que pedirán novas reunións co alcalde de Santiago para explorar a vía da municipalización do servizo logo de que este aceptara estudar a proposta.

Esta mañá celebrouse unha asemblea dos traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música despois de que o Concello de Santiago anunciara que vai emprender unha declaración de lesividade dos pregos do concurso para a súa xestión. O secretario comarcal da CIG-Ensino, que ten a representatividade neste centro, Rubén F. Monteagudo, sinalou que “aínda que o paso dado nos parece un parche, supón un avance máis cara á estabilidade laboral do profesorado deste centro cando menos durante este curso que acaba de comezar”. Precisamente Rubén F. Monteagudo lamentou que esta decisión chegara coas clases xa comezadas e volveu incidir en que isto demostra que o procedemento estivo deturpado desde o comezo, cheo de erros e que se fixo ás costas dos traballadores e traballadoras. 

En calquera caso, amosouse satisfeito con que polo de agora se manteñan todos os postos de traballo e se garantan as condicións laborais, as dúas liñas vermellas que se trazaran ao comezo das mobilizacións. Así mesmo avanzou que “despois de que o propio alcalde se referira á municipalización como solución a medio prazo, desde a CIG-Ensino seguiremos insistindo nesta proposta porque consideramos que esta é a única vía que garante de verdade a calidade do servizo e a estabilidade do seu persoal”. Por iso, solicitará reunións en breve para explorar esta vía e para que non quede simplemente nunha promesa.

Volver