A CIG-ENSINO apoia as familias de Pedroso na súa demanda de reapertura da escola pechada

O argumento da Consellaría, prometendo reabrir se hai matrícula, que se utiliza de forma recorrente e como salvagarda no peche de unidades ou de escolas, vemos que é unha mentira e non se cumpre.

Na reunión da Comisión de Escolarización do Concello de Narón confírmase que o alumnado da parroquia de Pedroso que querería iniciar a súa escolarización nesta escola (seis alumnas e alumnos de tres anos) non vai poder facelo por térselles reasignado outro centro e non cumprirse a promesa da Administración de reabrir esa escola do CRA de Narón.

A conselleira xa se fixo a foto postelectoral de apoio á escola rural na fusión das escolas de Coristanco, Santa Comba e A Baña e do que presumiu naquel encontro: “...para dinamizar o mundo rural, a escola é un eixo clave...” pero parece que xa o esqueceu e agora négalles ese dereito ás familias de Pedroso. Non é algo novo, senón máis ben todo o contrario, xa que a Consellaría de Educación tennos moi afeitas a prometer e logo non dar ano tras ano.

O curso pasado, cando se pechou esta escola, a pesares de que xa se sabía que para este curso habería suficiente matrícula que se mantería tamén no futuro, prometéuselles tanto ao centro como aos pais e nais (que xa daquela se mobilizaron) que non se preocuparan, pois de haber matrícula suficiente para o curso seguinte, volveríase a abrir. Pero coma sempre, as promesas levounas o vento e agora, chegado o momento de cumprilas, a escusa é que eles abriríana pero son os técnicos (ou máis ben o técnico Jesús Oitavén Barcala, secretario xeral de Educación) quen non o permite.

Esta é unha escusa máis da Consellería de Educación para negarlle recursos ao ensino público que logo traslada ao privado concertado. Non son problemas técnicos senón de política educativa; unha política que non ten no seu centro de atención a defensa dun ensino público e de calidade. Senón, como é posible que existan problemas técnicos para reabrir unha escola que ten un número suficiente de solicitudes e non os haxa para non pechar unidades na privada concertada que non contan con alumnado suficiente?

Por todo isto, a CIG ENSINO esixe da Consellaría de Educación que dea as instrucións necesarias para permitirlles ás familias matricular os seus fillos e fillas no CRA de Narón na escola de Pedroso, cumprindo así realmente a súa palabra de que a escola é clave para a pervivencia e a dinamización do medio rural, idea coa que estamos totalmente de acordo.

 

 

 

Volver