A CIG-Ensino amosa a súa satisfacción polo éxito acadado no conflito da Escola Municipal de Música de Santiago

O sindicato, da man das e dos traballadores, continuará vixiante ao respecto do cumprimento de todos e cada un dos compromisos asumidos polo alcalde de Santiago de Compostela

O Concello, tras a presión exercida polos traballadores e traballadoras e polos seus representantes sindicais, decidiu desbotar a pésima proposta educativa e económica da única empresa presentada a concurso e asinou onte a prórroga coa actual firma adxudicataria o que, de facto, leva aparellada a continuidade dos postos de traballo a partir do 30 de xuño.

A CIG-ENSINO amosa a súa satisfación polo éxito acadado logo das semanas de mobilizacións, incluída a convocatoria de folga, do persoal da Escola Municipal de Música de Santiago. En palabras do secretario comarcal da CIG-ENSINO Rubén F. Monteagudo “foi a loita firme, a determinación e a unidade dos traballadores e das traballadoras, e o grande apoio de toda a comunidade educativa da EMM, o que conseguiu que o alcalde tomara a responsabilidade no asunto e que se acabaran tomando estas decisións após de só un día de folga”. 

Para Rubén F. Monteagudo “esta solución, a pesar de que era a única posíbel neste momento, é un parche, xa que só se garante a continuidade do persoal durante uns meses” polo que chama o Concello a “sentarse xa, e a elaborar de xeito dialogado, e en común coa comunidade educativa, uns novos pregos de adxudicación de servizo, para que non volva acontecer o que pasou meses atrás, un proceso cargado de despropósitos que tivo como máximo responsábel o concelleiro de Educación, Manolo Dios”.

A CIG-ENSINO anima tamén o Concello de Santiago de Compostela a que comece estudar a posibilidade de elaborar un plan, cando menos a medio prazo, de remunicipalización do servizo, cuestión que desde o sindicato considerariamos “moi positiva para a estabilidade e para as condicións das traballadoras e traballadores alén de supor unha mellora do servizo”.

Volver