A CIG-Ensino agarda que o Concello de Santiago manteña o seu compromiso de garantir a continuidade do persoal da Escola Municipal de Música (EMM)

A central nacionalista, que ten a representación sindical neste centro, amosa a súa preocupación porque, ás portas do mes de maio, os traballadores e traballadoras da EMM non saben se van manter o seu posto de cara ao vindeiro mes de xullo.

O secretario comarcal Rubén Fernández espera que tanto o concelleiro como o goberno municipal manteñan o compromiso adquirido por escrito de garantir a subrogación do persoal ante o previsíbel cambio de adxudicataria deste servizo.

Tras varias reunións mantidas co concelleiro de Educación de Santiago, Manuel Dios, e ante a situación de incerteza que se abre despois de que a actual adxudicataria da Escola Municipal de Música non se presente ao concurso para a renovación do contrato, a CIG-Ensino amosa a súa preocupación polo futuro dos 24 empregados e empregadas que conforman até agora o cadro de persoal deste centro. “Algúns deles -como lembrou o secretario comarcal desta central, Rubén Fernández- levan arredor de 15 anos de servizo nunha escola con grande aceptación social, como o demostra as cifras de matrícula que posúe, con preto de medio milleiro de alumnado”. “Nestes intres, a pouco máis dun mes de que finalice o curso, o persoal docente e de servizos non sabe se vai continuar traballando en setembro”, indicou.

Esta problemática derívase do previsíbel cambio de empresa adxudicataria deste servizo, logo de que a actual non se presentase ao concurso para optar ao contrato. Sendo coñecedores desta situación, a CIG-Ensino xunto cunha representación do conxunto de empregados e empregadas reuníronse co concelleiro Manolo Dios para esixir que se garanta a continuidade do persoal, acadando un compromiso por escrito de que se ían subrogar todos os postos de traballo nas mesmas condicións e convenio actuais. Desde a CIG-Ensino agárdase que este compromiso non caia en saco roto e que se despexe canto antes o futuro laboral do cadro docente e de servizos da EMM.

Volver