A CIG-ENSINO advirte que un ano máis o orzamento da Consellaría de Educación segue sendo insuficiente para as necesidades educativas existentes e medra menos que o da Xunta

Orzamentos 2008

A CIG-ENSINO ofreceu unha rolda de prensa para presentar a súa valoración e análise dos orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2008. A ela asistiron Anxo Louzao Rodríguez, Secretario Nacional da CIG-Ensino e Xosé María Torres Reino, membro da executiva.
A CIG-ENSINO advirte que un ano máis o orzamento da Consellaría de Educación segue sendo insuficiente para as necesidades educativas existentes e medra menos que o da Xunta
 
 
Hoxe, 27 de novembro de 2007, a CIG-ENSINO ofreceu unha rolda de prensa para presentar a súa valoración e análise dos orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2008. A ela asistiron Anxo Louzao Rodríguez, Secretario Nacional da CIG-Ensino e Xosé María Torres Reino, membro da executiva.
 
 O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, manifestou que un ano máis os orzamentos da Consellaría para o ano 2008 non só son continuístas e insuficientes para avanzar na calidade do ensino senón que continúan coa tendencia descendente dos gastos en Educación, en relación aos gastos da Xunta de Galiza. Así, mentres que estes experimentan un incremento do 7,23%, os da Consellaría medran só un 6,78%, continuando coa tendencia marcada á baixa desde o ano 2001.
 
A isto hai que engadir que o gasto educativo galego está preto de 1 punto por debaixo do PIB destinado a Educación polos países da OCDE que se sitúan no 5,7% fronte ao 4,8% da Consellaría.
 
Con estes datos é obvio que a aplicación da LOE non está supondo as achegas económicas que propagandisticamente se anunciaron.
 
Salientou que malia ser a educación e a formación da sociedade o investimento máis rendíbel desde o punto de vista social, a Consellaría de Educación medra por debaixo de 5 Consellarías.
 
Se analizamos os orzamentos por capítulos podemos concluír o seguinte:
 
  1. Observamos que no capítulo II os gastos por reparacións, mantemento e conservación dos centros escolares non teñen incremento ningún, malia a súa redución producida no ano anterior que foi dun 30%.
 
  1. No capítulo IV acrecentouse un 8% respecto do ano anterior. Neste capítulo destaca a grande cantidade destinada á subvención do ensino concertado, 247.958.449 euros, o que supón un incremento do 7,75% respecto do ano pasado. Os concertos na Educación Infantil supoñen un gasto de 35.000.000 euros, un 9,72% máis que o ano anterior. Supón o 11% do orzamento total da Consellaría.
 
  1. Inxustificábel e sorprendente é a contemplación de subvencións á fundación Camilo José Cela con 200.000 euros, cantidade superior á referida ao MUPEGA e igual podemos dicir da subvención de 30.000 euros que se recolle para a fundación “Pro Real Academia Española”.
 
  1. Os investimentos reais (capítulo VI) experimenta un descenso dun 18.8% respecto aos do ano pasado. Os investimentos en formación e perfeccionamento do profesorado caen de 4.061.200 euros do 2007 aos 3.826.200 euros do 2008, o que supón un 5,79% menos.
 
  1. Os orzamentos destinados á reparación, ampliación e mellora, así como á adquisición de novo equipamento ou construcións experimenta unha queda importante. Redúcese nun 26% para Infantil, Primaria e ESO e un 10% para Bacharelato e FP.
 
  1. Estamos ante uns orzamentos que non dan resposta a unha serie de necesidades urxentes que padecen os centros educativos e o ensino en Galiza como son:  A dotación de administrativos/as nos centros de Infantil e Primaria, redución das rateos en todos os niveis educativos, nomeadamente en Infantil, onde segue habendo aulas de 25 alumnos, malia o compromiso no pacto de goberno de reducilo a 15.
 
  1. Bótase en falla que os orzamentos non contemplen ningunha partida para poder iniciar a dotación doutros/as profesionais necesarios/as nos centros: educadores/as sociais, profesores e profesoras de linguaxe de signos, coidadores/as, etc.
 
  1. Soamente se contempla un investimento de 110.000 euros para a normalización lingüística, cando estamos ante un ano crucial para aplicar o novo Decreto de Normalización Lingüística.
 
A Consellaría con estes orzamentos esquiva a súa responsabilidade de promover e financiar actividades extraescolares. Terán que ser o petos das familias os que teñan que se facer cargo destes gastos, provocando unha desigualdade baseada no poder adquisitivo da familia.
 
Con estes orzamentos continuístas o cadro de persoal dos centros continuarán sendo insuficientes e agardamos que non se poña en perigo a aplicación do acordo asinado pola CIG-ENSINO e outras organizacións sindicais sobre a mellora dos cadros de persoal dos centos de Infantil e Primaria e a redución horaria lectiva do profesorado.
 
Cando van máis de 12 anos de promulgación da Lei de Saúde Laboral e toda a Consellaría soamente ten dous técnicos de prevención en riscos laborais, destínanse unicamente 30.000 euros para esta materia. Con este investimento o profesorado galego será o único colectivo que continuará sen ter unha revisión médica anual, a pesar de ser obrigatoria.
 
Estes orzamentos continúan sen satisfacer e dar resposta á demanda de incrementar as gratificacións para que o profesorado se poida xubilar anticipadamente, sen reducir o horario lectivo aos maiores de 55 anos e sen crear o emprego necesario.
 
Os programas previstos para actuar contra o abandono escolar temperá, o fracaso escolar e a mellora do éxito escolar, apenas supera os 24.000 millón de euros (investimento que na súa maioría procede dos fondos sociais Europeos ou do MEC). Tórnase insuficiente a todas luces, tendo en conta que o 24% do alumnado non acada nin sequera o graduado en Educación Secundaria escolar.
 
O investimento previsto para potenciar as bibliotecas escolares continúa sendo escaso: 850.000 euros para máis de 1 400 centros. 
 
A pesar de que no ano 2008 se van aplicar moitos aspectos da LOE, estamos ante uns orzamentos continuístas sen recursos para diferentes cuestións como, por exemplo, para aplicar o plano integral de convivencia escolar, aprobado o curso pasado.
 
A Educación debe ser un motor de transformación social e de equidade. O investimento educativo público implica unha aposta para diminuír as desigualdades sociais, pero estes orzamentos fano difícil, pois están lonxe do gasto educativo necesario e moi lonxe do que outros países da nosa órbita gastan en educación por alumno/a.

Volver