A CIG consegue que a Consellaría afronte e dea resposta aos problemas xurdidos nas oposicións.

Oposicións 2007. Novas sobre particpantes excluídos

O xoves 5 de xullo celebrouse unha reunión da Mesa Sectorial na que, con carácter extarodinario e malia non formar parte da orde do día, a Consellaría aceptou a demanda da CIG-Ensino de discutir a situación creada nas oposicións aos corpos docentes pola exclusión dun importante número de participantes no proceso.

INFORMACIÓN SOBRE A SITUACIÓN NO PROCESO DE OPOSICIÓNS DOCENTES  DEBATIDO NA MESA SECTORIAL

 

Hoxe debateuse na Mesa Sectorial, a instancias da CIG-Ensino, a problemática que se está a producir nas oposicións docentes ao respecto da exclusión das mesmas de moitos opositores/as polas programacións presentadas e por actuacións diferentes e mesmo contraditorias dalgúns tribunais na corrección das probas escritas e na exclusión dos participantes.

 

As demandas da CIG-Ensino na Mesa Sectorial foron as seguintes:

 

1.      Que se consideren e revisen todas as reclamacións presentadas e que se garanta o acceso á realización das distintas probas para non conculcar o dereito dos participantes, evitando así posíbeis consecuencias no conxunto do proceso do concurso oposición. En todo caso, a CIG-Ensino incidiu na necesidade de respectar a seguridade xurídica do proceso.

2.      Que se dean as directrices oportunas aos tribunais para unificar criterios de avaliación e exclusión.

3.      Que se explicite que ningún dos excluídos ficarán fora das listas de contratación. Neste caso, incidimos en que se aclarara que os que aparecen como “non presentados” na aplicación informática da web da Consellaría non van decaer das listas.

4.      Que os motivos formais, cando non incumpran as normas da convocatoria, non deben dar lugar á exclusión do proceso de oposición.

5.      Que a Consellaría proporcione toda a información precisa aos participantes na oposición.

6.      Que a Consellaría inste aos tribunais a recepcionar todas as reclamacións que se lle presenten.

 

Xa desde mediados da semana pasada a CIG-Ensino puxo en coñecemento da Consellaría unha serie de actuacións incorrectas por parte dalgúns tribunais, incidindo desde aquel momento na necesidade de que os tribunais actúen dun xeito homoxéneo. Con respecto ás exclusións xa nos tiñamos dirixido á Administración educativa por escrito, instándoa a que non se excluíran os afectados, polo ben dos propios participantes  mais sobre todo, polas posíbeis consecuencias dos procesos xudiciais que se podan levar adiante, e evitar que se teña que repetir o proceso.

 

Como CIG-Ensino  fixemos fincapé na existencia de actuacións diferentes por parte de distintos tribunais, mesmo dentro dunha mesma especialidade, o que é especialmente grave. Dentro da maior gravidade entra, desde o punto de vista da CIG-Ensino, o feito de que algúns tribunais excluíran a participantes por cuestións valorativas sobre o contido das programacións, extralimitándose nalgunhas decisións como excluír a algún opositor da proba teórica por numerar con números romanos as follas, incluír notas ao pé de páxina, escribir a dúas cores, etc.., cando non existían instrucións previas ao respecto por parte do tribunal, ou mesmo que opositores que foron excluídos apareceran nas listaxes de internet como non presentados (o que daba a entender, erroneamente, que poderían ficar fóra das listaxes de interinos se estaban nelas )

 

Como CIG-Ensino demandamos que se garanta por parte da Consellaría, respectando a soberanía dos tribunais, que os criterios de avaliación sexan idénticos entre os distintos tribunais, con especial atención aos dunha mesma especialidade. Esiximos directrices claras, explícitas e uniformes e laiámonos de que estas non se tivesen producido antes, para evitar deste xeito a polémica e o malestar actual.

 

Como CIG-Ensino non nos parece axeitado que participantes no proceso podan ficar excluídos por cuestións formais, no caso de que estas non contraveñan as normas da convocatoria. Esas eivas formais deberían, en todo caso, dar lugar a un suspenso, mais non a unha exclusión.

 

A Consellaría argumentou que existe base xurídica que sostén as actuacións dos tribunais con dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que aceptan a exclusión de dous opositores por non cumprir os requisitos formais da programación.

 

A Consellaría, en resposta ás demandas da CIG-Ensino confirmou que ningún dos participantes excluídos ficarán fóra das listaxes de contratación.

 

Tamén aceptou a Consellaría a nosa demanda de que non pode excluírse a ninguén por cuestións valorativas (por contidos da programación).  

 

Con respecto ás exclusións por eses motivos, como por cuestión formais, comprometeuse a revisar todos os recursos de alzada que se lle presenten e a dar resposta rápida naqueles casos que se estimen, para así garantir a participación nas probas actualmente en marcha. Neste sentido, desde a CIG-Ensino recomendamos a todos os afectados (teñan xa presentado un recurso de alzado ou o vaian facer de inmediato) que presenten o citado recurso no rexistro xeral da Consellaría de Educación en San Caetano para axilizar a recepción do mesmo e a súa tramitación por parte dos responsábeis da Consellaría (téñase en conta os reiterados problemas cos rexistro de determinadas Delegacións provincias).

 

O Secretario Xeral afirmou, así mesmo, que darán instrucións aos tribunais, lembrándolles a obriga a recibir as reclamacións que se lle presenten e a dar, na medida do posíbel, explicacións aos afectados. Ao longo do día de hoxe xa puidemos comprobar como determinados tribunais aceptaban algunhas reclamacións, permitindo que participantes inicialmente excluídos puidesen seguir nas oposicións.

 

A Consellaría non se comprometeu, a pesar da insistencia da CIG-Ensino a dar instrucións xerais aos tribunais, baseándose na soberanía dos mesmos. Como CIG-Ensino insistimos en que os tribunais teñen plena autonomía e soberanía para cualificar as distintas probas da oposición mais non para interpretar a convocatoria, aspecto que só compete a Administración convocante.

 

Volver