Publicado o calendario escolar do curso 2018/2019

A Consellaría acepta a proposta da CIG-Ensino de comezar o curso escolar o 12 de setembro en Primaria

Tras coñecerse hoxe a publicación da Orde que regula o calendario escolar para o vindeiro curso académico 2018/2019, a CIG-Ensino avalía positivamente que se tivera en conta a nosa proposta de retrasar o comezo do curso en Primaria até o 12 de setembro en detrimento da petición das outras organizacións sindicais.

Coa publicación no DOG de hoxe do calendario escolar confírmase cales van ser as datas de comezo do vindeiro curso, quedando fixadas para o 12 de setembro en Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Especial e para o 17 na ESO, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Réximes Especiais. A Consellaría aceptou polo tanto a nosa proposta de retrasar desde o día 11 até o día 12 o comezo no primeiro caso, para igualar deste xeito o cómputo total de días lectivos en 175 en todos os niveis educativos.

Lembramos que na Mesa Sectorial na que se debateu a orde que regula o calendario escolar as outras organizacións sindicais solicitaron que non fora lectivo o día 2 de novembro, que sería a única ponte do próximo curso, e adiantar o comezo do curso ao venres 14 de setembro en Secundaria. Tendo en conta que sobre todo esta última cuestión supón un problema de organización importante nos centros e que posibelmente o día 2 de novembro será un dos escollidos como día de libre disposición en boa parte dos colexios e institutos do país, a CIG-Ensino mantivo a proposta de retrasar o comezo do curso en Primaria até o día 12. Finalmente a Consellaría tomou en consideración esta solicitude, quedando o resto de días e datas estipuladas como xa aparecían no borrador da Orde, tal e como se recolle na imaxe da nova.

 

Volver