A delegación da plataforma cidadá entrevistouse con representantes do Gabinete da Comisaria de Educación, Cultura e Multilingüismo e celebrou un acto informativo coa comunidade galega de Bruxelas
 

bruselas from cig-ensino on Vimeo.


O mércores 14 de abril de 2010 conclúe a visita de dous días que unha delegación de Queremos Galego efectúa a Bruxelas para denunciar e informar diante de diferentes instancias da UE, o Consello e o Parlamento europeo, sobre as políticas activas de “desmantelamento” da lingua galega por parte do actual executivo de Alberto Núñez Feijóo. A viaxe pretende tamén evidenciar como as medidas iniciadas pola Xunta “agreden frontalmente” a lexislación vixente en materia de normalización da lingua propia, incluindo tratados internacionais de obrigado cumprimento para o Estado español como a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias (CELRM) ou comprisos como a Declaración universal dos dereitos lingüísticos, asumida como propia pola UNESCO.
A delegación de Queremos Galego desprazada a Bruxelas, integrada por Carlos Callón, Anxo Louzao e Bieito Lobeira, compareceu esta mañá en conferencia de imprensa na sede do Parlamento europeo na cidade flamenga, acompañada pola representante do BNG na eurocámara Ana Miranda e polos deputados do Grupo Parlamentario Verde-Alianza Libre Europea (ALE) Oriol Junqueras, catalán, e François Alfonsi, de Córsega, os cales quixeron así manifestar o seu apoio á plataforma cidadá e ás súas reivindicacións.
Na conferencia de imprensa, os representantes de Queremos Galego subliñaron que o concepto de “plurilingüismo” promovido desde as diferentes institucións comunitarias como un dos principios da UE “nada ten a ver co uso espúreo” que do mesmo fai o goberno da Xunta de Galiza “mesmo para denominar cinicamente normas regresivas como o decretazo contra o galego no ensino, que camiñan na dirección oposta aos obxectivos fixados polo Comité de expertos do Consello de Europa” encargado da avaliación do grao de cumprimento da Carta europea das linguas nos territorios do Estado español que posúen linguas propias.
Segundo se avaliou nos diferentes encontros mantidos pola delegación de Queremos Galego, tanto con representantes do Gabinete da Comisaria europea de Educación, Cultura e Multilingüismo Androulla Vassilliou como con diferentes deputadas e deputados do Grupo dos Verdes-ALE e doutros grupos parlamentarios, “a vulneración da lexislación e a negación de dereitos lingüísticos para a comunidade lingüística galega supón a conculcación de dereitos fundamentais garantidos en todo o espazo da Unión Europea”.
Neste sentido, os representantes da plataforma cidadá contraria ás políticas lingüísticas regresivas do goberno de Núñez Feijóo salientaron o interese das diferentes instancias por teren información “periódica e precisa” sobre a evolución da política lingüística no país, tanto no referido ao ensino como a outros sectores, na liña do proposto na Iniciativa Popular pola garantía dos dereitos lingüísticos que promove Queremos Galego e como tamén recolle o último informe do Comité de expertos do Consello de Europa referido á Carta europea das linguas.
Xa ao mediodía, Carlos Callón, Anxo Louzao e Bieito Lobeira participaron da reunión especial sobre o caso do galego convocada polo Intergrupo das Minorías, Comunidades Nacionais e Linguas, que co-preside o eurodeputado do Grupo Liberal e Demócrata Carl Hanglund e no que participan deputadas e deputados dos diferentes grupos con representación parlamentaria. Unha reunión “histórica”, en opinión de Queremos Galego.
A delegación da plataforma tivo tamén tempo, así mesmo, para se reunir, nun encontro aberto celebrado na tarde de onte na Libraría galego-portuguesa Orféu de Bruxelas, coa comunidade galega residente na cidade, grazas á colaboración da Asociación Cultural Couto Mixto. O concorrido acto serviu para que os representantes de Queremos Galego agradecesen o “apoio entusiasta” que en Bruxelas –e tamén noutros puntos da emigración por todo o mundo –tiveron até o momento e seguen a ter as iniciativas e campañas en favor do galego e mais para constatar “a fonda preocupación” que causa na comunidade galega no exterior a “agresiva política destrutiva contra a nosa lingua e a nosa cultura” impulsada polo goberno da Xunta.