Unha mostra máis de que o PP, a Xunta e a Consellaría continúan sós na súa cruzada contra o galego

O Consello Escolar de Galiza solicita a retirada do proxecto de Decreto de “Plurilingüismo”


O pleno do Consello Escolar de Galiza, máximo órgano de participación da comunidade escolar, rexeitou o decreto contra o galego que se someteu hoxe a ditame e acordou pedir a súa retirada e, polo tanto devolvelo á consellaría. O Proxecto de Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza recibiu 24 votos en contra e só 16 a favor de mantelo. Cómpre salientar que deste 16, 6 eran de representantes da propia consellaría, 2 eran alcaldes do PP, 2 da Confederación de Empresarios, titulares de centros privados e concertados, 2 representantes de recoñecido prestixio nomeados directamente pola consellaría e 2 da CONGAPA (Pais e Nais de Ensino Privado e Concertado) e ANPE. E votaromos a favora da retirada a CIG, CCOO e UGT, CONFAPA, AS-PG, NEG, Escola Viva, Seminario de Estudos Galegos, representantes da universidade, do estudantado e da administración local do BNG e PSOE.
Para a CIG-Ensino é especialmente “lamentábel” a actitude “despreciativa e autoritaria” amosada polo Secretario Xeral de Política Lingüística quen, na súa última intervención e unha vez perdida a votación constatou, segundo explicou Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino “o seu absoluto desprezo cara este órgano ao afirmar que non estaba disposto a asumir o acordo recén aprobado”.

 

Diante desta actitude, Louzao afirmou que “ou ben fai caso deste órgano ou ao conselleiro non lle queda máis remedio que dimitir ao igual que ao director xeral de política lingüística, dado o desprezo que amosou cara a lingua galega”.

No Consello Escolar presentáronse 7 emendas á totalidade do Proxecto de Decreto, entre as cales está a da CIG, que finalmente confluíron nunha única. Na súa intervención, o secretario nacional de CIG-Ensino explicou que esta proposta de decreto supón un retroceso e un ataque en toda regra ao noso idioma. Ademais afirmou que está baseado na mentira e na ausencia dun mínimo consenso, coa única pretensión de “exterminar o galego do uso social e reducilo no ámbito educativo”.

Louzao sinalou ademais que se trata dun decreto contra a normalización que bota abaixo todo o conquistado e propón falsos equilibrios “imposíbeis nunha sociedade diglósica como a nosa”.

Para o secretario nacional de CIG-Ensino un dos aspectos máis graves que contén este decreto, tal e como dixo na súa intervención no Consello, é que o alumnado poderá usar nas aulas a súa lingua de preferencia, aínda que a materia se imparta en galego; que se fixan por vez primeira materias a impartir en español, precisamente as científico-técnicas e que os alumnos de Educación infantil poderán saír sen ter contacto co galego ate os 6 anos o que supón unha absoluta marxinación para os galego-falantes.

Louzao manifestou ademais que é un disparate que as familias fixen a lingua do ensino e que desaparezan a denominación de “equipos de normalización” e concluíu asegurando que o proxecto supón un ataque contra a normalización, unha total desconsideración co profesorado e, sobre todo, unha mostra do desprezo do PP cara a normativa vixente, porque incumpre o Estatuto, a Lei de Normalización e a Carta Europea das Linguas Minoritarias.

EMENDAS DA CIG-ENSINO AO DECRETAZO