Improvisación e mala xestión nalgúns tribunais no arranque das oposicións docentes

Toda a responsabilidade é da Consellaría de Educación que debe dirixir o proceso e non deixar nas mans dos tribunais a xestión dos locais e condicións das probas.

Denuncias e queixas de moitas persoas que participaron o sábado 23 de xuño nas oposicións para o ingreso nos diferentes corpos docentes marcaron o inicio das probas selectivas deste ano 2018.

O sindicato recibiu queixas de aspirantes que tiveron que facer as probas nun pavillón polideportivo dun centro de Ourense e noutro de Compostela con elevadísimas temperaturas nun día do que xa se coñecía con antelación a previsión meteorolóxica.

Tamén se nos fixo chegar a dificultade de aspirantes que tiveron que facer exames en cadeiras con palas no lugar de mesas, e incluso tribunais onde se combinaron mesas e cadeiras con palas.

Ademais tivemos coñecemento da colocación de mesas en corredores de centros docentes porque non era suficiente o espazo destinado nas aulas ou de erros lingüísticos en determinadas probas prácticas, así como problemas mal formulados nalgunha das especialidades.

A xestión dos espazos, que en última instancia corresponde aos tribunais, debería ser responsabilidade nunha primeira fase da Consellaría, cando menos na fixación de criterios homoxéneos para todos os tribunais. Hai espazos suficientes, tanto dependentes da Consellaría como doutras administracións para o desenvolvemento da primeira proba na que todo o persoal aspirante coincide simultaneamente.

Como CIG Ensino daremos traslado á Consellaría destas e outras queixas que a nosa afiliación e opositoras nos están facendo chegar.

Se queres facernos chegar calquera queixa, denuncia, suxestión ou observación non dubides en utilizar o seguinte formulario.

Corpo*

Os datos de contacto só os tes que incluír se queres que nos poñamos en contacto contigo

Debes aceptar os termos e condicións recollidos na información legal e na política de protección de datos e autorizar o tratamento dos teus datos persoais.